O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o primeiro envío estivo destinado ás lonxas de Celeiro e Burela, e nesta ocasión os elementos de protección están dirixidos preferentemente a tripulantes e mariscadoras. A Consellería do Mar xestiona os envíos a través de entidades como as propias lonxas, confrarías ou asociacións de armadores, entre outros. O Servizo de Gardacostas de Galicia está proporcionándolles o material.
O Executivo galego pretende favorecer con esta medida que os profesionais vencellados ás entidades do sector pesqueiro e marisqueiro dispoñan de mellores medios para desenvolver o seu traballo, na medida do posible, en condicións de seguridade e poidan previr así posibles contaxios ao tempo que contribúen a evitar a expansión da enfermidade.
Cómpre lembrar que as lonxas dos portos de titularidade autonómica seguen operativas para garantir o subministro de peixe aos consumidores, se ben estanse a extremar as precaucións debido á alerta sanitaria.
Posibilidades de distribución
A Consellería do Mar puido realizar esta entrega unha vez que o esforzo da Xunta por dotarse de material permitiu avanzar no seu reparto logo de atender as necesidades preferentes da actividade sanitaria, de política social e dos colectivos que colaboran nas funcións de seguridade e protección civil.
Neste senso, a propia Consellería do Mar, en colaboración coa Consellería de Sanidade, teñen demandado do Goberno central que analicen a posibilidade de entregar materiais e equipamentos de prevención aos profesionais do sector marítimo-pesqueiro, namentres que a actividade siga sendo considerada esencial e toda vez que se entregaron este tipo de equipamentos a aquelas persoas de actividades non esenciais que volveron ao traballo onte.
Esta petición realízase tendo en conta que varias entidades do sector se sumaron á opinión de que se debería dispoñer a preferencia de acceso a este material para aquelas persoas profesionais das actividades esenciais, dado que as dificultades de consecución de medios é evidente e palpable.