Lugo, 2 de abril de 2020. A Vicepresidencia da Xunta e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, está a realizar un novo reparto de material e equipos de protección individual (EPIs) que chegará á totalidade dos concellos lucenses, isto é, aos 67 municipios da nosa provincia.
As achegas suman un total de 31.669 máscaras, 58.887 luvas, 2.424 traxes antisalpicaduras, 2.210 batas de protección, 391 unidades de xel desinfectante hidroalcohólico e 229 litros de lixivia.
Novo sistema de repartición que chega directamente aos concellos
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que na distribución destes novos recursos –no reparto que tivo lugar no día de onte e que se desenvolve hoxe- se está a empregar a plataforma loxística posta en marcha esta semana polo que se entrega directamente aos propios concellos, o que evita a necesidade de desprazamentos.
O plan de apoio deseñado polo Goberno galego pon a disposición dos municipios lugueses os recursos que precisan para desenvolver con seguridade servizos municipais básicos como os de axuda no fogar, protección civil, servizos sociais ou policía local, entre outros e responde aos criterios de distribución pactados coa Fegamp.
A iniciativa da Xunta buscou cubrir inicialmente as necesidades dos concellos de menor tamaño, por entender que terían máis dificultades para obter este material por si mesmos, pero agora –aclarou Balseiro- “chegamos á totalidade dos municipios, incluída a capital e, nalgúns casos, recibiron xa varios repartos”.
Compromiso de distribución periódica
O delegado tamén indicou que a Xunta intentará seguir achegando parodicamente novo material mentres dure esta crise. “En todo caso, agardamos tamén, que cheguen canto antes as subministracións de EPIs comprometidas polo Goberno central en cantidade suficiente para atender todas as necesidades pois, ata o de agora, empregamos recursos propios da Xunta ou procedentes de doazóns”.
“A Xunta foi a única administración que achegou material aos concellos da nosa provincia, a pesar de que esta competencia está centralizada no Goberno central desde a aprobación do estado de alarma”- concluíu Balseiro.