Os destinatarios foron todos os concellos da comarca da Mariña: O Vicedo, Viveiro, Ourol, Xove, Cervo, Burela, Foz, Alfoz, O Valadouro, Mondoñedo, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Barreiros, A Pontenova e tamén Riotorto.
Cómpre lembrar que aínda que o Goberno central asumiu a competencia de compra centralizada e distribución deste material de protección tras a aprobación do estado de alarma, estes recursos non estaban chegando en cantidade suficiente e, por iso, a Xunta decidiu destinar recursos propios e procedentes de doazóns para atender as necesidades e en apoio do cen por cen dos concellos lucenses.
Este material está destinado preferentemente a traballadores de servizos municipais, para que o persoal de axuda no fogar, protección civil ou servizos sociais, entre outros, poidan desenvolver a súa actividade de forma máis segura.
Balseiro confirmou que a Xunta continuará distribuíndo material periodicamente, “tratando de dar resposta ás necesidades dos concellos da provincia e prestando especial atención aos máis pequenos por entender que son os que máis dificultade teñen á hora de acceder a estes recursos”.