Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta distribúe material de protección e desinfección a 26 centros de asistencia social situados en concellos da mariña

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Lugo, 6 de abril de 2020.- A Xunta de Galicia está a distribuír material de protección e desinfección nos centros de asistencia social situados na Mariña de Lugo. O delegado territorial, José Manuel Balseiro, confirmou que o reparto iniciouse o pasado venres e completarase entre hoxe e mañá.

En total, a área da Mariña recibirá 13.600 mascarillas cirúrxicas e 258 mascarillas FF-p2, 8.600 guantes, 217 batas de plástico e outros tantos mandilóns, 72 garrafas de xel desinfectante de 5 litros e 168 botes de medio litro, así como 75 pantallas oculares.

Os destinatarios das dotacións son as residencias de maiores, centros de persoas con discapacidade ou vivendas comunitarias tuteladas da zona, situadas nos concellos mariñáns de Alfoz, Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, Viveiro e Xove, ademais do municipio de Riotorto.

Balseiro explicou que neste reparto están incluídas todas as residencias de titularidade pública e privada que constan no rexistro autonómico. Tamén está previsto incluír en futuros repartos a residencia asilo de Ribadeo, que está formalizando o seu rexistro.

O delegado explicou que o Goberno galego adoptou esta iniciativa tras constatar que moitas entidades tiñan problemas de subministro e para garantir a mellor protección dun persoal que presta un servizo esencial de atención e coidado a colectivos especialmente vulnerables ante posibles contaxios.

Material que reciben directamente nos centros
Para o reparto emprégase a nova plataforma loxística posta en marcha pola Xunta e, polo tanto, permite que as achegas se reciban directamente nos centros e residencias, sen necesidade de desprazamento.

Balseiro avanza que a distribución deste material servirá para cubrir as necesidades previstas para os vindeiros días e a intención do Goberno galego é efectuar novos repartos de material de protección, de xeito periódico, no futuro. Estas achegas poderían intensificarse cos recursos que poidan vir do Goberno central que, polo momento, son insuficientes para garantir as demandas existentes o que obrigou á Xunta a facer uso de recursos propios.

Exit mobile version