Augas de Galicia, entidade dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, xa conta co visto e prace do Concello de Viveiro ao texto do convenio proposto pero aínda agarda –desde o pasado 6 de marzo, data na que foi remitido por primeira vez-, pola contestación da Deputación de Lugo.
As tres administracións citadas –Xunta, Concello e Deputación- comprometéronse a colaborar para facer realidade este proxecto e, incluso, amosáronse dispostas a asumir, a partes iguais, o custo para financiar estas obras.
O convenio proposto faría posible, nunha primeira fase, que Augas de Galicia licite, adxudique e contrate o proxecto construtivo, cun investimento inicial estimado de 69.000 euros e, nunha segunda fase, as tres administracións asinarían un novo convenio para levar adiante sobre o terreo as obras previstas.
O bloqueo da Deputación de Lugo impide avanzar neste obxectivo e a súa falta de resposta fai imposible que a Xunta acometa, nun prazo razoable de tempo, unhas obras moi necesarias tendo en conta que se desenvolven nunha área con risco significativo de inundación, nas inmediacións do río Fontecova, onde xa tiveron lugar os asolagamentos de novembro do ano 2018.
A Xunta dirixiuse en dúas ocasións á Deputación de Lugo, obtendo en ambos os casos o silencio por resposta: a primeira o 6 de marzo, cando remitiron a proposta de convenio e, unha vez máis, o pasado día 2 de abril, cando enviaron o texto incluíndo uns cambios solicitados polo Concello de Viveiro e que xa contan coa conformidade da Administración autonómica e local.
A administración autonómica pide ao Goberno provincial que actúe con responsabilidade e poña fin a un desleixo que evidencia a nula vontade e pouca seriedade coa que a Deputación de Lugo se sumou a esta iniciativa. Lembran que o convenio dá resposta a unha demanda veciñal que reclama máis seguridade e agardan unha rectificación desta conducta, atendendo á necesidade e urxencia das obras a acometer.
“Non ten ningún sentido que levemos meses para conseguir simplemente que nos digan se lles vale ese convenio de colaboración e se propoñen algún cambio, cando o que está en xogo é moito, pois hai un risco certo de novas inundacións se non acometemos as obras necesarias para minimizalo. Pero tamén queremos deixar claro ante a veciñanza que hai responsables deste bloqueo, con nomes e apelidos e, neste caso, son os dirixentes da Deputación de Lugo”-apuntan desde a Xunta.
Finalmente a Xunta apunto que puxo todo da súa parte para chegar a bo fin. De feito -sinala-, os orzamentos do Goberno galego en vigor contan cunha partida consignada para financiar estes traballos e tan só están á espera de que se concrete un compromiso similar por parte do resto das administracións e, en particular, pola Deputación. Desde a Xunta lembran que ao tratarse de obras en espazos de competencia municipal, con certa complexidade técnica e económica, as tres administracións se comprometeron a colaborar, para facelas realidade.