Ribadeo, 16 de abril de 2020. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade retomou as obras de remodelación da estación de autobuses de Ribadeo tras o período de suspensión da actividade polo estado de alarma reforzado decretado polo Goberno por mor do coronavirus.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, apuntou que a Administración galega destina 140.000 euros a estes traballos, que afectarán a elementos estruturais da estación, como como cubertas, paramentos e pavimentos; e inclúen melloras na instalación eléctrica e na iluminación, así como nos aseos e noutras dotacións e servizos.
Balseiro salientou que a reactivación das obras públicas en marcha estase a realizar observando as debidas medidas preventivas, como usar mascarillas e respectar as distancias de seguridade.
As obras programadas na estación de Ribadeo contemplan a mellora do pavimento na zona de circulación dos autobuses, a limpeza de sumidoiros e o acondicionamento das portas exteriores do recinto. Tamén se cambiarán as luminarias da dársena por outras tipo LED.
Así mesmo, no interior do edificio arranxaranse falsos teitos, pintaranse paredes e acondicionaranse os aseos. Ademais, está previsto potenciar a información ás persoas usuarias coa instalación de paneis informativos electrónicos para manter actualizadas as chegadas e saídas dos autobuses.