Santiago de Compostela, 7 de abril de 2020. O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo esta mañá unha videoconferencia con representantes das organizacións profesionais agrarias galegas para analizar os mecanismos que manexa a Xunta co obxectivo de dar saída ás producións que viron reducidos os seus mercados tras a emerxencia sanitaria.
En concreto, o titular de Medio Rural trasladoulles a intención do Goberno galego de buscar novas vías de comercialización para os produtos agroalimentarios de calidade ou os de proximidade. Deste xeito, o conselleiro non só escoitou as demandas das organizacións agrarias e tomou nota das súas aportacións de cara a este período excepcional, senón que tamén achegou distintas propostas para evitar que o sector acuse o peche da hostalaría e dos mercados municipais.
O conselleiro trasladou que un destes mecanismos para dar saída ás producións debe ir pola necesidade de “concienciar ao consumidor galego da importancia que ten neste momento apoiar o sector primario”. Nesta liña, especificou que entre os máis afectados pola situación de emerxencia sanitaria derivada do coronavirus están o sector vitivinícola, os produtores de froitas e hortalizas, os que se dedican a elaborar artesanalmente queixos e outros produtos lácteos, os gandeiros de vacún, ovino e caprino, así como os de razas autóctonas, fundamentalmente porco celta.
Apoio da Xunta
O conselleiro tamén analizou coas organizacións agrarias a posibilidade de que o sector se acolla á nova liña de financiamento do Igape que busca inxectar liquidez a pemes e autónomos que se estean vendo afectados pola situación de emerxencia sanitaria. Así, instounas a que valorasen a “necesidade de facer algunha especificación ou adaptación” para que poida beneficiarse o sector primario. Nese senso, engadiu, “a Xunta está aberta a que esas liñas poidan chegar a aqueles sectores que o necesitan”.
José González recalcou que esta orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria persegue que se poida facer fronte ás necesidades máis inmediatas, como o pagamento de salarios, facturas, alugueiros ou impostos. A iniciativa contempla a mobilización de 250 millóns de euros en préstamos, que buscan paliar os efectos do coronavirus no tecido empresarial galego.
Ata o momento presentáronse xa 609 solicitudes de préstamos que suman unha mobilización de 50 millóns de euros. En concreto, a nova liña avalará entre 3.000 e 200.000 euros de importe por cada negocio e os beneficiarios disporán de prazos de amortización de ata catro anos con un de carencia, cun máximo dun 1,50 por cento de xuros, que serán bonificados ao cento por cento pola Xunta, facéndose cargo deles.
Por outra banda, e en relación ás axudas da Consellería, o titular de Medio Rural tamén lles trasladou que se está “traballando na axilización dos pagos” e na flexibilización dos requisitos esixidos para as diferentes subvencións, buscando evitar incumprimentos ou posibles prexuízos derivados da imposibilidade de executar as accións programadas.
A videoconferencia realizada esta mañá forma parte da rolda de contactos que está a manter estes días o conselleiro do Medio Rural co sector. Concretamente, nesta xuntanza participaron o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, ao seren as dúas organizacións con representación no Consello Agrario.