Eijo subliña que “queda prohibido depositar nos contedores de recollida selectiva os residuos procedentes de fogares con persoas enfermas ou en corentena polo coronavirus. Deberán utilizar exclusivamente o contedor de fracción resto, o destinado aos residuos non reciclables, no noso caso o de cor verde”.
Desde a Concellería de Medio Ambiente explican os pasos a seguir, que serían os seguintes:
-Os residuos do paciente, incluído o material desbotable utilizado pola persoa enferma (luvas, panos, mascarilla), meteranse nunha bolsa de plástico (bolsa 1) nun cubo de lixo disposto na habitación, preferiblemente con tapa e pedal de apertura, sen realizar ningunha separación.
-A bolsa de plástico (bolsa 1) debe pecharse e introducirse nunha segunda bolsa de lixo (bolsa 2), xunto á saída da habitación, onde ademais se depositarán as luvas e mascarilla utilizadas pol@ cuidad@r, e se pechará antes de saír da habitación.
-A bolsa 2, cos residuos anteriores, depositarase co resto dos residuos domésticos na bolsa de lixo (bolsa 3) correspondente ao cubo de fracción resto.
-Inmediatamente despois realizarase unha completa hixiene de mans, con auga e xabón, ao menos durante 40-60 segundos.
A xestión de residuos procedentes de fogares sen positivo ou en corentena por COVID-19 continuará realizándose do modo habitual.
A edil de Medio Ambiente engade: “queremos dende o Concello de Burela aproveitar para agradecer a comprensión e colaboración de tod@s @s veciñ@s nesta difícil situación. E felicitar a todos os nenos e nenas de Burela polo seu comportamento exemplar. Se seguimos respectando as normas pronto venceremos a este virus. Xuntos imos conseguilo”.