Viveiro, 9 de abril, 2020. A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro, pon en marcha este dias unha nova iniciativa para seguir dinamizando o comercio local. Estes dias de confinamento non deixamos de ver a través das redes sociais un montón de xente que está de cumpreanos, aniversarios, onomásticas ou calquera outro tipo de celebración e non teñen posibilidade de mercar un agasallo ó estar as tendas pechadas. Por iso poñemos en marcha a Tarxeta Regalo CCHV que será moi doada de adquirir. Trátase dunha tarxeta virtual e para mercala a persoa interesad@ pode poñerse en contacto ca Asociación a través do mail gerencia@viveirocentro.com ou no WhatsApp 650506717, indicar o importe que desexe e a persoa á que vai dirixida a tarxeta regalo. As tarxetas son persoalizadas e son enviadas a través do mail ou WhatsApp á persoa interesada ou a quen se nos indique. Unha vez que se levante o estado de alarma e poidamos voltar á actividade, a persoa agasallada poderá pasar polas nosas oficinas da Rúa Diaz Freijo, 3 de Viveiro e canxear o importe por vales de compra de distintos importes para gastar nos mais de 120 negocios locais asociados ó CCHV.
O obxectivo desta iniciativa é concienciar da importancia que ten o tecido comercial na vila, e que agora máis que nunca, hai que apostar por mercar no comercio local. As grandes plataformas on line non van vir a dar traballo ós nosos amigos, veciños, familiares, etc senón que serán os autónomos ou pequenos empresarios os que seguirán loitando día tras día por manter os seus negocios abertos e manter os postos de traballo e as rúas vivas, iluminadas, dinámicas. Por todo iso, por manter Viveiro vivo, apelamos á conciencia xeral a mercar no comercios de barrio, nos comercios da vila.
A Asociación traballa tamén estes días en distintas actividades de dinamización para cando se poida volver a abrir, axudar ós negocios a reactivar as ventas e superar do mellor xeito posible estas semanas de inactividade e grandes perdas económicas. Ó mesmo tempo mantense en contacto cas distintas administracións para solicitar medidas reais e directas que axuden ós pequenos comerciantes a reflotar os seus negocios ó longo dos vindeiros meses.
“Cando poida saír á rúa #Eu Apoiarei o Comercio Local, pero mentres #Quedonacasa”