Lugo, 29 de abril, 2020. Tras o avance por parte do presidente do Goberno, no día de onte, das fases da desescalada para a volta á `nova normalidade´ e a expensas de coñecer con detalle os contidos desa decisión e a súa repercusión, desde a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) mostramos o noso absoluto desacordo con estas medidas. Consideramos que son precipitadas, con falta de consenso do sector e con moitas incógnitas aínda por despexar.
Non entendemos este anuncio cando se están preparando no Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) as medidas para unha reapertura ordenada e que permita a supervivencia dos negocios. Necesitamos garantías para volver á actividade de maneira que se salvagarde a subsistencia dos negocios hostaleiros.
O acordado onte no Consello de Ministros xera moitas dúbidas e enorme
preocupación pola falta de medidas que o complementen e que permitan unha
certeza na continuidade do funcionamento dos negocios coa súa actividade normal, seriamente afectada. É un auténtico despropósito que de manterse, aboca a moitos negocios ao peche.
Esiximos ao goberno o mantemento dos ERTES por forza maior e que as aperturas sexan voluntarias e tamén as prestacións aos autónomos. É imposible manter a actividade coas condicións da `nova normalidade´. Coas porcentaxes de aforamento e as condicións para a apertura dos aloxamentos non ten sentido abrir. Sen mobilidade entre provincias, que clientes se van aloxar?
Desde Apehl, xunto coas nosas patronais nacionais de hostalería (Hostelearía de España, CEHE) e aloxamento (CEHAT), non imos permitir unhas aperturas que supoñan a ruína dos nosos negocios. Ata que non se volva á normalidade teñen que seguir os ERTES e as axudas postas en marcha. Se as condicións non cambian, acordaremos con todo o sector o non abrir os nosos establecementos.
Ademais, necesitamos outra serie de garantías económicas, como as exencións fiscais e de taxas municipais, ademais das liñas de financiamento, que continúan sendo insuficientes. Insistimos aos Concellos na necesidade urxente da ampliación das terrazas e a suspensión de taxas e impostos municipais.
Sen todas estas medidas, non imos poder contar cun período de axuste que nos protexa da caída de actividade e emprego, o cal desembocaría no peche de miles de establecementos.