Ribadeo, 2 de marzo 2020. Da man de Apaga chegaron a Ribadeo catro alumnos lituanos, que farán prácticas en empresas da zona durante este mes de marzo. Viñeron acompañados de dous profesores, que estarán con eles durante unha semana.
Os rapaces, que veñen de Erasmus, van facer prácticas na Peugeot, na Opel, na Volkswagen e en Talleres Martín.
O presidente de Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Álvaro Doural, dixo que “ademais de vir ás nosas empresas tamén aproveitarán para coñecer a nosa cultura, a nosa paisaxe e a nosa gastronomía. Desde Apaga faremos con eles diversas visitas tanto por Ribadeo como por outros concellos galegos e asturianos da nosa contorna”.
Doural e os dous mestres lituanos acompañaron aos rapaces esta mañá a coñecer as empresas nas que estarán este mes. Tamén visitaron a sede de Apaga, situada no Centro Pedro Murias.