Lugo, 27 de marzo, 2020. Os colectivos abaixo asinantes expoñemos o seguinte:
Ante a situación excepcional que estamos a vivir en Lugo con motivo da epidemia do Coronavirus COVID19, e tras unha semana de ter activado o estado de alarma, dende os colectivos asinantes temos observado que existe un incremento de familias sen acceso a produtos básicos e de primeira necesidade. Observamos tamén unha carencia de servizos institucionais para o estado de gravidade no que se atopan moitos dos colectivos e individuos máis vulnerables, nun momento no que organismos como o Banco de Alimentos, Cáritas o Cruz Vermella se atopan con moita máis demanda que a habitual sen máis presuposto.
A isto súmaselle un problema de vivenda que se acentuará co paso de tempo: familias que viven en réxime de alugamento e que non poderán facer fronte ás mensualidades, sen que o Estado tome ata o momento ningunha medida -e no caso de hipotecas medidas fébres- ao que se lle engade a falta de vivendas sociais por parte da Xunta e do propio Concello (demandas que levan moitos anos reclamando colectivos como Stop Desafiuzamentos e a PAH).
A invisilización dos recursos ofertados polo Concello fai que parte da veciñanza teña dificultade ou directamente non poda acceder aos mesmos. É unha percepción moi afastada da realidade asumir que nunha situación de emerxencia tódolos cidadáns saiban ler e teñan saldo no móbil ou acceso a internet, esquecendo a brecha tecnolóxica. Atopámonos tamén co que os centros sociais permanecen pechados, sen ningunha nota aclaratoria sobre a recentralización dos servizos absorbidos polos centros Uxío Novoneyra, Lamas de Prado e Milagrosa. Soamente atopamos un cartaz que avisa do peche pero non mostra un número de teléfono para contactar e atopar alternativa. Preguntámonos como é posible que sexan máis visibles os nosos propios colectivos con recursos moi limitados -como a Rede de Apoio de Mutuo Lugo con numerosas chamadas- que as supostas institucións que dispoñen de medios económicos, bases de datos e infraestrutura para poder chegar ás persoas en situación de risco. O dereito aos recursos non é tal se non é accesible a quen a precisa información sobre os mesmos. Entendemos que isto non é un erro baleiro de intencións, senón un “lavado de mans” de cara á cidadanía, humillando e estigmatizando inda máis a unha parte da poboación que ten que chamar a diferentes portas, sendo derivados dun teléfono a outro sen obter unha resposta clara, agravando así a marxinación.
Existen persoas que neste momento non teñen os papeis que se lles requiren, como algúns migrantes. Tamén persoas que non teñen contratos de arrendamento ou os certificados do INEM ou da Xunta necesarios, e non poden obtelos nesta situación, pero necesitan urxentemente respostas para poder seguir comendo. Hai un esquecemento de algunhas persoas que xa vivían o marxe de este tipo de prestacións, e das que téndoas, non lles chega para afrontar esta crise.
As traballadoras sociais e educadoras que fan fronte aos problemas sociais das persoas en risco atópanse nunha situación de mínimos e indefensión ante a falta de recursos. Este é un servizo que, ao igual que está a ocorrer cos sanitarios, precisa dun reforzo para combater a saturación debida á situación excepcional. Atopámonos, como consecuencia e mostra desta realidade, que diversos colectivos e asociacións recibimos ata o momento un gran número de chamadas de persoas que precisan axuda urxente, en algunha ocasión mesmo derivadas dende traballadoras do Concello.
Non houbo, durante a primeira semana de confinamento, un incremento horario das liñas telefónicas, nin a infraestrutura suficiente como para atender a todas as chamadas desas liñas ou do 010.
Tamén as traballadoras do ámbito sociosanitario se atopan nunha situación de risco, e que pon en risco a aquelas persoas que as institucións que provocan isto (Concello de Lugo e Xunta de Galicia) deberían protexer. Os servizos de axuda a domicilio para persoas maiores, externalizados, non contan a día de hoxe cas medidas hixiénicas precisas para garantir a seguridade dos procedementos.
A este perigo engádeselle a falta de solucións para aquelas persoas en risco que deberán saír da súa vivenda pola cesta da compra ou medicamentos, a quen só se lles habilitou -como parche- un servizo de “taxis a domicilio” para levar a compra, tendo que abonar estes a tarifa habitual do taxi. Poucas familias, menos aínda na situación na que nos atopamos, poden permitirse pagar o extra que supón a carreira dun taxi para que lles leven a comida á vivenda, o que amosa o actual descoñecemento do Concello da vida real dos seus habitantes.
Tamén atopamos moitos problemas á hora de facer fronte á conciliación familiar, así como o esquecemento das crianzas, moitas das cales estaban, a través da Xunta, adscritas ás becas comedor e a quen aínda non se lles ofreceu ningunha alternativa.
Sen esquecer outros problemas, como que a Policía Autonómica dende o decreto do Estado de alarma non fai traslados de menores, que é unha das competencias que ten, así como a desprotección actual de mulleres en situacións de violencia de xénero.
Fronte a esta epidemia e a crise económica, os estados confinan ás persoas nas súas casas e fan un alto despregamento das forzas e corpos de seguridade, pero esquecen as condicións precarias -cada vez máis- da poboación. Así, permítese o traballo en empresas que non están cumprindo as medidas precisas para a prevención de contaxios, ao tempo que se clausuran espazos para a venda directa de alimentos como os mercados tradicionais, onde non atopamos de ningún xeito un maior perigo de contaxio que en grandes superficies abarrotadas de xente.
Por todo isto, esiximos ás institucións responsables:
1) Ampliación dos servizos sociais do Concello, reforzando ás traballadoras sociais e todas as estruturas que teñan a obriga de cubrir as necesidades básicas da veciñanza.
2) Garantir o dereito á vivenda con medidas para facer fronte ás situacións nas que a crise provocada polo COVID19 imposibilite o pago da vivenda, así como a ampliación do número de vivendas sociais dispostas pola Xunta e o Concello.
3) Unha maior visibilidade e accesibilidade aos recursos ofertados dende o Concello, así como un servizo de telefonía eficaz, xa que durante a primeira semana resultou imposible conectar no 010
4) Garantir a información sobre recursos a quen o precisen, non limitándoa tan só ás redes sociais nin a unha mera función publicitaria. Neste caso solicitaríase a activación doutras estratexias que fagan uso de canles máis tradicionais como poden ser mediante carteis ou megafonía, para asegurar que a información chega a un maior numero de persoas, e que sexa así unha axuda real a veciñanza.
5) Garantir o servizo a a domicilio de produtos básicos e alimentos ás persoas en situación de risco, sen que isto supoña un sobrecusto para as mesmas xa que un alto porcentaxe da poboación non podería acceder a el.
6) Garantir que todas aquelas persoas en risco poidan ter aceso suficiente ós alimentos que precisen e os servizos sociosanitarios; foran xa usuarias do servizo, pero que agora necesiten máis cantidade, ou aquelas que, non tendo os papeis requeridos, se atopan nunha situación de emerxencia.
7) Suplir o servizo do Comedor Escolar con algunha alternativa máis acorde que non pase por acudir ao Fogar do Traseúnte.
8) Asegurar que as traballadoras sociosanitarias externalizadas do Concello e da Xunta teñan o material preciso para desenvolver o seu traballo sen poñerse en risco.
9) Solicitamos a reactivación tanto dos mercados tradicionais de alimentos de venta directa, como o Mercado da Terra, xa que garanten as medidas sanitarias do mesmo xeito que calquera outro comercio ou gran superficie, apoiando así as familias labregas e o produto local.
10) Garantir que as competencias en materia de protección de mulleres e menores que ten atribuídas a Policía Autonómica non desaparezan por mor das novas «prioridades» decretadas polo Estado de alarma, evitando así deixar indefensas a esta poboación.
11) Realización de tests de COVID19 a todas as persoas sanitarias, transportistas, dependentes de alimentación e todo persoal que pola súa profesión estea en risco.
Asinan:
Rede de Apoio Mutuo Lugo
Federación Provincial de ANPAS de Lugo (FAPACEL)
Stop Desafiuzamentos Lugo
Foro Galego de Inmigración
CNT-AIT Lugo
Sindicato Labrego Galego
Lugo Sen Mordazas