Compostela, 14 de marzo de 2020. A expansión do Coronavirus e a necesidade de conter os contaxios requiren do esforzo de todos e todas. Tan só se como sociedade somos quen de seguir as orientacións das autoridades sanitarias e as recomendacións do persoal experto seremos quen de superar este momento. Galicia en Común-Anova Mareas entende que “é tempo de solidariedade, de coidarnos e de coidar ás persoas máis febles” máis tamén de cooperar entre institucións e partidos políticos.
A situación na que se atopa Galicia, mais tamén todo o Estado español, é unha situación grave e de emerxencia. Por iso as medidas que veñen de aprobar, tanto o goberno do Estado como a Xunta de Galicia, son medidas extremas que, como os acontecementos, non teñen precedente. Ditas decisións teñen como obxectivo garantir a saúde de toda a cidadanía e por iso, dende Galicia en Común-Anova Mareas vimos reclamando que non só o sistema de saúde público asuma o peso da xestión desta crise, senón que o sistema privado tamén se poña ao dispor da Xunta de Galicia. Son precisos todos os recursos ao noso dispor para a loita contra a expansión do virus.
Esta pandemia está a demostrar que temos un dos mellores sistemas de saúde públicos, cos mellores profesionais sanitarios. O coronavirus deixará tamén en evidencia a aqueles que, nos últimos anos, intentaron desmantelar o Estado de Benestar. Os galegos e galegas vemos como é o sistema público o que está a xestionar esta crise e como está a coidar de todos e todas, e tamén dos máis débiles. É o sistema público de saúde o que nos está a protexer nestes momentos, por iso nós debemos tamén protexelo con uñas e dentes. Por iso hoxe, como sempre fixemos, pómonos xunto ao sistema público de saúde e reiteramos o noso apoio, solidariedade e agradecemento a todo o persoal do sistema sanitario galego polo seu esforzo sobrehumano destes días.
Finalmente, dende Galicia en Común-Anova Mareas “queremos amosar a nosa preocupación polas persoas autónomas e as PEMES”, que nas vindeiras semanas se verán afectados polo impacto económico que está a ter a expansión do coronavirus. A coalición entende fundamental que se manteñan os postos de traballo e que se evite que a repercusión económica do virus a paguen os de sempre. Por iso resulta prioritario que a Xunta de Galicia concrete, canto antes, os apoios que dará a estes dous colectivos.
Superaremos este momento unidas