Compostela, 25 de marzo de 2020. Queremos Galego pídelle a Feixoó que “exerza de presidente” e tome todas as medidas necesarias para preservar a integridade e a saúde da cidadanía galega, ofrecéndolle información clara e precisa, na súa lingua, sobre a epidemia do Coronavirus. A plataforma cidadá de defensa da lingua, composta por máis de 600 entidades, recorda nunha petición aberta a través da súa páxina web á que se pode adherir a cidadanía, que en momentos tan graves como o que estamos a vivir “precisamos unidade e esperanza no futuro” e ofrecen a súa colaboración para construír esta unidade e este futuro, na lingua propia.
Probabelmente, apuntan dende a plataforma, as comparecencias e mensaxes do Presidente da Xunta estes días sexan as de maior importancia no exercicio da súa responsabilidade. “Desprezar o galego, excluíndoo de mensaxes de tanta relevancia”, aseguran, “non só non contribúe á loita contra a epidemia, senón que incide en prexuízos ideolóxicos sobre a nosa lingua e sobre Galiza”. Queremos Galego denuncia que na crise do Coronavirus, a nosa lingua está a ser excluída da maior parte das informacións e mensaxes das autoridades públicas, tanto en comparecencias como en insercións publicitarias, incluídas as intervencións do presidente da Xunta que abandona o uso do noso idioma no exercicio das súas funcións, precisamente nos momentos de maior transcendencia. Usando reiteradamente o castelán para se dirixir ao conxunto de galegas e galegos redunda no falso prexuizo da inutilizade da nosa lingua para o realmente importante.
Até agora, recorda Queremos Galego, o presidente da Xunta sempre se dirixira na nosa lingua ao conxunto da cidadanía e aos medios de comunicación galegos. “Agora, nunha situación de crise sanitaria”, apuntan, “a lingua galega non deixou de ser a lingua propia de Galiza e continúa a ser válida para a comunicación coa cidadanía”. E insisten en que “a lingua galega é o principal elemento de cohesión social e de unidade do pobo galego” e que os poderes públicos galegos teñen obrigas respecto dela, tal e como sinala o artigo 5 do Estatuto de Galiza. “Dirixirse a galegos e galegas na súa lingua é unha das súas obrigas e parte das responsabilidades dos seus representantes”, insisten, “en primeiro lugar, do Presidente da Xunta e, nomeadamente, cando se trata de informar a poboación sobre cuestións que afectan de xeito fundamental á súa vida presente e futura como acontece na actualidade”.
“Negar a utilidade do galego, renunciando ao usalo como o seu máximo representante institucional”, denuncian, “é tamén negar a capacidade do pobo galego perante a crise”. E lémbranlle a Feixoó que “a súa obriga é defender todos os dereitos da cidadanía galega á que representa e iso é incompatíbel con converter a nosa lingua nunha outra vítima do COVID19”.