Compostela, 16 de marzo, 2020. A portavoz nacional do BNG, e candidata á presidencia da Xunta de Galiza Ana Pontón, trasladou este luns un paquete de medidas ao goberno galego no “ámbito preventivo, nos servizos sanitarios e de resposta económica e social á grave crise xerada polo coronavirus”. Entre as medidas destaca: “Unha moratoria no pago de hipotecas, iniciativas de apoio a autónomos e axudas extraordinarias como a condonación de recibos de luz e gas aos traballadores e traballadoras afectadas pola perda de emprego”.
As administracións galega e estatal, recalca Pontón, deben arbitrar medidas urxentes ante a preocupación dos traballadores e traballadoras que xa perderon os seus postos de traballo e lembra que a banca “débenos 60.000 M€ que poden ser descontados da moratoria das hipotecas”. A portavoz do BNG pide que non se produzan despedimentos “aproveitando a crise do coranavirus” e lanza unha mensaxe de esperanza para poder superar esta grave crise económica con “forza e a colaboración de todos e todas”.
O BNG cuestiona a recentralización de competencias
A portavoz do BNG fai un chamento “a calma e á responsabilidade” e reitera que non é un momento de partidismos, “temos que traballar cóbado con cóbado para que toda a sociedade galega supere con éxito esta grave crise”. O BNG, volve a ofrecer “toda a colaboración e compromiso da organización, militancia e gobernos nacionalistas.
Ante a “drástica” declaración de estado de alarma, Pontón lembra que dende o principio da crise, o BNG apostou por medidas contundentes e eficaces pero a decisión do goberno do estado xenera algunhas dúbidas como a “recentralización de competencias”. Neste sentido, mostrouse convencida de que unha actuación dende Galiza dará unha mellor resposta á crise. Ao seu xuízo, o goberno galego ten un maior coñecemento dos medios e recursos para unha poboación envellecida que representa un maior risco e as medidas deben ir en consonancia coa realidade galega. “Dende o BNG agardamos que a decisión do goberno do estado non retrase a adopción de medidas e mecanismos para superar a crise” porque o virus “non entende de fronteiras pero tampouco afecta de igual maneira a todos os territorios e o principal foco de contaxio sitúase en Madrid”. Para a portavoz nacionalista, resulta imprescindible adoptar medidas para “restrinxir a circulación nese ámbito” e “blindar Galiza para limitar as saídas e entradas no noso país” como fixeron noutros estados e territorios, unha medida que resultou eficaz.