Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón considera urxente a comparecencia do Goberno no Parlamento ante a situación extrema das residencias que está xerado alarma social

 Santiago de Compostela, 31 de Marzo 2020. A portavoz nacional, Ana Pontón, que hoxe mantivo un encontro virtual con alcaldes, alcaldesas e responsables municipais do BNG, volveu trasladar a súa preocupación pola situación de extrema gravidade que se vive nas residencias de maiores e reclamou a comparecencia urxente do Goberno en sede parlamentaria para aclarar unha situación que está xerando unha xustificada alarma social.

Neste sentido, e aínda que o Bloque xa solicitou e rexistrou a petición de comparecencia da conselleira de Asuntos Sociais na Cámara, considera que debería ser o Goberno que dese explicacións a petición propia no Parlamento para axilizar esa comparecencia.

“Temos unha situación dramática de alarma social nas residencias e por iso é urxente esa comparecencia”, reclama Pontón, quen se pregunta “que máis ten que pasar para que o Goberno informe das medidas adoptadas e para tranquilizar ás familias. Temos moitas preguntas que precisan respostas porque o Executivo non está actuando con celeridade, previsión nin anticipación precisamente ante un colectivo especialmente vulnerable”.

“É necesario reforzar a atención sanitaria, a realización de test masivos, o envio de material de protección, todo co obxectivo de anticiparse á extensión do virus porque estamos vendo casos de contaxio masivo nas residencias sen que o Goberno aporte medidas eficaces ante unha situación que era previsible”, explica a líder nacionalista.

O BNG salienta que pese ao “primeiro aviso” que supuxo o acontecido na residencia de Celanova, en Ourense, a situación segue “fora de control” noutros puntos de Galiza, “e este tema é o suficientemente grave para que o goberno compareza e para que se adopten medidas urxentes porque é evidente que algo non se está facendo ben á vista da evolución da situación”, alega a portavoz nacional.

“Os e as traballadoras das residencias, as familias e as persoas maiores que están nestes centros e o conxunto da sociedade necesitan ter a tranquilidade de que o Goberno vai facer todo o que está na súa man para anticiparse e evitar que haxa novos contaxios. A situación é moi grave e hai que dar explicacións polo que está pasando nas residencias de maiores no noso país”, conclúe Pontón.

Exit mobile version