Site icon Crónica3.com A Mariña

Patricia Otero: “Esta foi a lexislatura do abandono do rural de Feijóo”

 A Fonsagrada, 5 de marzo de 2020. A Secretaria Provincial do PsdeG-PSOE, Patricia Otero e o Deputado, Luis Álvarez, candidatos ás eleccións autonómicas, denunciaron este xoves na Fonsagrada a política sectaria de abandono e de recortes do PP de Feijóo nesta Comarca. Otero afirmou que “Feijóo esta enterrando ao rural, ao PP gústalle presumir da lexislatura do rural, pois ben hoxe aquí dende a Fonsagrada podemos afirmar que esta foi a lexislatura do abandono do rural”, espetou.

No acto, diante do centro de saúde da vila, estivo acompañada dos Alcaldes da Fonsagrada, Carlos López López; Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereda; Cervantes, Benigno Gómez Tadín; Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena; Navia de Suarna, José Fernández Fernández, así como os voceiros de Baleira, Javier Núñez Núñez e Becerreá, Ana Isabel Rubinos Bolaño, ademais de concelleiros e veciños. Alí denunciaron que “Feijoo o PP só se lembran da Montaña en campaña electoral. Núñez Feijoo pode aforrar a viaxe a esta Comarca porque non fixo absolutamente nada por mellorar a calidade de vida dos seus veciños. Por citar só un exemplo os recortes do Plan de Camiños da Xunta, ou carencia de servizos básicos como a sanidade”, insistiron.

A secretaria provincial enumerou algunhas débedas de Feijóo nesta Comarca. “No Concello de Pedrafita é necesario un paso de peregrinos para que poidan cruzar a estrada con todas as garantías de seguridade. En Navia de Suarna onde antes había dúas prazas de medico agora só hai un, tamén é necesaria depuradora, e non se pode abrir a Casa Niño debido aos constantes impedimentos da Xunta de Feijóo”, advertiu.

Otero tamén denunciou que na Fonsagrada “os 3.600 habitantes dispoñen dun só pediatra para atender aos nenos e nenas durante 1 mañá, e dúas horas durante outra xornada, e mentres as mulleres embarazadas teñen que desprazarse a Becerreá, e os doentes de rehabilitación tamén son atendidos noutro Concello. E en Baleira os preto de 1.300 veciños e veciñas son atendidos por un só facultativo, ademais reclaman que os doentes da Montaña poidan dispoñer do servizo HADO. E no Concello de Negueira de Muñiz segue esperando, dende fai máis 2 anos, polas axudas aos incendios que anunciou a bombo e platillo o Goberno de Feijóo”, espetou.

A Secretaria Provincial e candidata ás eleccións autonómicas dixo que “no centro de saúde de Baralla ten mofo, humidades, e as paredes están desconchadas e non reúne as condicións de hixiene dun centro de saúde. Ademais os nenos e nenas da vila teñen que acudir ao pediatra a Becerreá”. Tamén aludiu ao saneamento de San Roman, no Concello de Cervantes “as veciñas e veciños levan esperando moito tempo pola ampliación deste servizo”. E por último, “en Becerreá é necesario un impulso ao polígono industrial, e axudas para o servizo de madrugadores”, resumiu.

Recortes dun 57% no Plan de Camiños na Montaña Lucense
A maiores a cabeza de lista da lista socialista ás eleccións autonómicas tamén lembrou os recortes no Plan de Camiños do goberno de Feijóo nos Concellos da Montaña Lucense. “Na última convocatoria do plan Marco de Camiños da Xunta houbo un recorte nun 1 millón de euros para todos os concellos da provincia de Lugo. E na Montaña as veciñas e veciños tiveron un recorte de preto de 300.000 euros”. Coas cifras enriba da mesa explicou que “dos 526.846 euros que recibiron no 2016 estes concellos, nesta anualidade concedéronlles 229.158 euros, o que supón unha rebaixa do 57%”, dixo.

Exit mobile version