A candidata do BNG, acompañada do Tenente de Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, Alexandre Penas, concelleiro do BNG en Lugo, e a número 3 da candidatura do BNG, Carme Aira, puxeron como exemplo o proxecto de rehabilitación do barrio da Tinería, que fora iniciado polo BNG no pasado. “Precísanse medidas fiscais para mobilizar inmobles baleiros e controlar a especulación, ao mesmo tempo que se debe pular pola rehabilitación do entorno e pola promoción de vivenda pública”, afirmou Olalla Rodil, que exemplificou na Tinería que “o BNG é capaz de aplicar estas políticas transformadoras pensadas para as persoas”.
“A oferta de vivendas en aluguer caeu un 60% na Galiza en dous anos, ao tempo que se produciu un trasvase cara o arrendamento turístico”, afirmou Olalla Rodil, que denunciou a drástica redución dos investimentos en política social de vivenda. Segundo Olalla Rodil, “A Xunta do Partido Popular púxose do lado das empresas da construción e abandonou á veciñanza nun dereito fundamental”. A candidata do BNG engadiu, “esta situación empeza a ser de alarma social, estase convertendo o acceso á vivenda en misión imposible para moitas persoas, especialmente á xente moza”.
Entre as propostas do BNG inclúese a creación dunha bolsa de vivendas destinadas a atender situacións de emerxencia, como desafiuzamentos ou vítimas de violencia machista. Igualmente, contémplase crear un programa específico de vivendas en alugueiro para menores de 35 anos, e un fondo extraordinario de 100 millóns de euros para compensar a redución orzamentaria dos últimos anos e duplicar o investimento en vivenda nos orzamentos da Xunta.