Queremos expresar o noso total recoñecemento e admiración ante o inmenso traballo que con tanto compromiso e esforzo están levando a cabo os profesionais sanitarios do noso municipio, sobre todo no Hospital Público da Mariña e no Centro de Saúde, así como na residencias de maiores; aos membros de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e en especial a Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, e a todos os cidadáns que desde o sector público e o sector privado están traballando na cobertura de servizos esenciais: en supermercados e tendas de alimentación, redes de distribución, porto de Burela, farmacias, servizos de limpeza e residuos.
Ademais, queremos destacar a nosa admiración polo civismo que están demostrando os veciños de Burela á hora de cumprir coas severas medidas derivadas do Estado de Alarma, Sobre todo tendo en conta que somos o maior núcleo urbano de poboación da Mariña e cun gran número de poboación moza.
Apoio á comisión e propostas
Tamén queremos mostrar o noso apoio á xestión da crise a nivel municipal que están a desenvolver os integrantes da comisión municipal de seguimento da enfermidade COVID-19.
Nunha situación como a actual, a nosa primeira obrigación como colectivo que representa ás veciñas e veciños de Burela é a de apoiar a quen están traballando na primeira liña para resolver os graves retos que atravesa o noso municipio.
Neste sentido, dende O Vencello queremos facerlle chegar a dita comisión a necesidade de que adopten unha serie de medidas urxentes de cara a mitigar na medida do posible os efectos económicos desta crise sanitaria entre as familias, os autónomos e tecido empresarial do noso concello.
Entre as medidas que solicitamos figuran:
● Que os acordos adoptados na devandita comisión se fagan público á maior brevidade posible ao conxunto da veciñanza na páxina web oficial do Concello ou por outra canle oficial das que dispón o Goberno Municipal. Creemos que isto axudaría a garantir o dereito á información e contribuiría a loitar coas “fake-news” que podan estar distribuíndose entre as veciñas e veciños.
● Solicitamos tamén o aprazamento do Imposto Municipal de Vehículos e redución proporcional deste imposto para vehículos de uso profesional/empresa nos casos debidamente xustificados e no período correspondente á vixencia do Estado de Alarma.
● O Aprazamento no cobro da taxa de vao permanente.
● O Aprazamento no cobro da taxa do cemiterio municipal.
-Hai que lembrar que estes tres impostos antes mencionados póñense habitualmente ao cobro no vindeiro mes de abril.-
● Por último, queremos tamén sumarnos á petición da ACIA Burela solicitando a supresión da taxa do lixo durante o período de corentena ao tratarse dun imposto extremadamente gravoso para os nosos comerciantes e industriais.
Creemos que con estas medidas contribuiríase a aliviar a situación das familias que pasaron a unha situación máis vulnerable, descargar aos empresarios y autónomos do pago de taxas por conceptos que no puideran utilizar no período de corentena e planificar medidas que permitan a reactivación económica e do emprego tan pronto como finalice o Estado de Alarma.