Lugo, 23 de marzo de 2020. O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) aclara que non hai ningunha decisión tomada sobre a posible centralización da Atención Primaria en determinados centros de saúde da provincia de Lugo e que, no suposto de que a evolución epidemiolóxica aconselle desde o punto de vista das autoridades sanitarias adoptar esta medida sería unha decisión extraordinaria, de carácter temporal e reversible, en vigor exclusivamente durante o período de emerxencia e que se comunicaría á poboación só a través de fontes oficiais.
A administración autonómica traballa nun plan de continxencia que inclúe distintas alternativas, aínda en fase de estudo, que buscan blindar a asistencia sanitaria e garantir a maior operatividade e preservar o persoal sanitario dispoñible para facer fronte ás necesidades prioritarias.
Plan de continxencia en fase de estudo
A Xunta explica que o plan inclúe desde a posible centralización da asistencia sanitaria de Atención Primaria nos centros de maior poboación, ata dispoñer de equipos de profesionais dedicados exclusivamente a patoloxías respiratorias, fomentar a atención telefónica (modalidade que hai que facer sempre que se poda, como de feito xa está a acontecer) ou a posta en marcha de circuítos diferenciados nos distintos centros de saúde para pacientes de diferentes patoloxías. Este plan de continxencia poríase en marcha de forma gradual de ser necesario.
Desde a Xunta queren desmentir calquera información en contrario e aclaran que agora mesmo todos os centros de saúde da provincia están funcionando e abertos e, no caso de ser preciso acometer a centralización de algún servizo, seguirían prestándose nos centros de saúde actuais algunhas prestacións como a administración do Sintrom, entre outras , para evitar desprazamentos.
Desde o SERGAS aconséllase, en todo caso, que ante calquera problema de saúde se utilice prioritariamente a consulta telefónica, tanto para ser atendido polo médico de cabeceira como para receitas e outras xestións. As visitas aos centros de saúde deben restrinxirse para evitar aglomeracións e previr focos de contaxio.