“Tomamos esta decisión por precaución e para garantir a continuidade do procedemento de tramitación do Plan Único para que os 67 concellos da provincia poidan contar o antes posible con estes importante recursos económicos, de 21,3M€, que, gracias á decisión deste Goberno, poderán usar para facer fronte a medidas sociais derivadas da crise do Covid-19, pero que son fundamentais tamén para axudar á reactivación da economía e do emprego unha vez rematado o Estado de Alarma”, explicou o Presidente. O Plan Único repercutirá na contratación sobre todo de pequenas e medianas empresas, moitas de ámbito local, o que favorecerá a recuperación do pulso das economías locais, do tecido empresarial e do mercado laboral.
José Tomé informou esta mañá na Xunta de Voceiros das medidas de ámbito social e económico adoptadas ata o momento polo Goberno provincial para facer fronte e paliar o impacto do Covid-19, entre elas, a propia adaptación das bases do Plan Único para que os municipios que así o necesiten queden exentos da obriga de destinar o 50% da achega da Deputación a investimentos e poder dedicar este importe a cubrir necesidades propiciadas polo coronavirus.
Atendendo a esta situación, o Goberno provincial acordou tamén ampliar os prazos para que os concellos teñan a marxe suficiente para acometer e prestar os servizos que sufragarán con cargo ao Plan Único. Así, amplíase un mes o prazo para a contratación, pasando a data límite do 30 de setembro ao 30 de outubro.
Ademais de reorganizar a plantilla da Deputación para reducir ao mínimo imprescindible a presenza de traballadores e traballadoras nas dependencias e servizos provinciais con traballo non presencial a atención telefónica e quendas mantendo as funcións da Administración para seguir dando servizo á cidadanía e aos concellos, o Goberno provincial adoptou decisións de carácter social e económico para paliar o impacto desta crise, como a de suspender todos os prazos de tramitación dos procedementos da institución; priorizar o pago a provedores da institución para inxectar liquidez nas empresas e contribuír deste xeito a que poidan pagar salarios e gastos correntes e manter así a súa actividade, ou a de reforzar o servizo de teleasistencia domiciliaria para facilitar información e recomendacións aos máis de 1.300 usuarios e usuarias.