Castiñeira destaca que, aínda no contexto da crise sanitaria, as institucións teñen que desenvolver o seu traballo de maneira tan intensa e eficaz como resulte posible, e para elo o PP mostra a súa total disposición e colaboración. Pero destaca igualmente que é necesario que os organismos públicos non entren en contradición coas disposicións establecidas a nivel nacional para evitar os contaxios. De celebrarse a sesión de xeito presencial, habería no salón de plenos non menos de 30 persoas procedentes de distintos puntos da provincia.
Os populares entenden que a Deputación dispón de medios técnicos sobrados para que a sesión plenaria se celebre por vía telemática; os investimentos feitos en novas tecnoloxías nos últimos anos superan os 25 millóns. Neste sentido, recordan que o organismo provincial leva investidos moitos miles de euros en novas tecnoloxías. Destaca igualmente o feito de que, durante a presidencia do socialista José Ramón Gómez Besteiro, a Deputación levou a cabo, por medio do programa Innovate, unha cuantiosa inversión en medios técnicos para os concellos da provincia. Polo tanto, segundo Castiñeira, non debería haber problema algún para dispoñer dos medios técnicos necesarios para que a sesión se celebre por videoconferencia.
Esta é a terceira ocasión en que o portavoz popular solicita que as reunións dos órganos provinciais se celebren por vía telemática. A primeira foi o pasado 13 de marzo, en conversación telefónica coa portavoz do grupo socialista; a segunda, o pasado martes, co propio presidente da Deputación, por vía telefónica. Castiñeira entende que é unha boa oportunidade de que a Deputación poña en valor os investimentos levados a cabo en novas tecnoloxías.
Castiñeira anuncia que ás reunións de mañá das comisión de Economía e Pleno, polo seu grupo, soamente asistirá el, como medida de seguridade, na semana cos picos máis altos de contaxios nesta crise, e para cumprir as disposicións tomadas polo Goberno.