San Cibrao (Cervo), a 6 marzo de 2020. O vicesecretario de Participación do PP, Jaime de Olano, o deputado e portavoz de Pesca no Congreso, Joaquín García Díez, e o portavoz PP na Deputación de Lugo, Javier Jorge Castiñeira, visitaron hoxe as instalacións da empresa Stolt Sea Farm en San Cibrao, na Mariña de Lugo.
Alí tiveron ocasión de manter un diálogo con representantes desta compañía, que lles trasladaron as súas inquietudes ao redor da modificación da lei de costas anunciada polo Goberno de Pedro Sánchez. Neste sentido, durante o encontro abordaron as consecuencias que podería ter esta modificación lexislativa no sector da acuicultura en Galicia.
De igual forma, De Olano e García Díez trasladáronlles que a pasada semana no Congreso dos Deputados o PP solicitou á ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribeira, que conforme unha mesa de diálogo na que se contemplen as especificidades dos litorais de cada comunidade autónoma no relativo ás costas e os efectos que esta nova lei pode ter en empresas e edificacións.
En Galicia máis de cen empresas e 5000 edificacións poderíanse verse afectadas, moitas delas ligadas ao sector mar-industria.
O goberno PSOE-BNG impediu o debate de urxencia na Deputación
O portavoz popular na Deputación de Lugo lembrou, pola súa banda, que o “Grupo Popular presentou recentemente unha moción de urxencia no pleno da corporación provincial en relación coa modificación da normativa de Costas”. A este respecto, lamentou que “o goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, rexeitou a urxencia e a moción non puido ser debatida, a pesar da inquietude que o cambio de normativa provoca na Mariña lucense”.