Os populares aseguran que “o PSOE descoñece a realidade da nosa comarca”. Así o demostran os socialistas ao negarse a falar do principal problema da Mariña, a crise de emprego en Alcoa provocada por unha decisión inxusta e unilateral do PSOE”. A cabeza de lista dos socialistas de Lugo ao Parlamento “non só non di nada ao respecto, senón que apoia a decisión do Goberno de Pedro Sánchez”.
Os candidatos do PP destacaron a ampliación do Hospital da Costa, a remodelación do centro hospitalario entre outras obras que a Xunta está a acometer na comarca. Condenan, polo tanto, que “os socialistas estean fóra da realidade mariñá” e explican que, “só en Burela, están en execución as obras de construción do segundo martelo do porto que contan cun investimento de 1 millón de euros, ás que hai que sumar a remodelación integral da nave de redes con 287.000 euros”. E o dragado dos portos de Celeiro-Viveiro e Ribadeo iniciaranse cando as condicións meteorolóxicas o permitan.
En materia de desenvolvemento industrial, “a Xunta é a única administración que está apostando polo solo industrial na comarca”, segundo manifestaron os candidatos do PP. “A administración autonómica está a aplicar bonificacións do 50% sobre o prezo de compra das parcelas e achegando facilidades para o alugueiro do solo industrial nos polígonos da súa competencia”, explicaron.
Sector forestal
O compromiso do goberno galego que preside Alberto Núñez Feijóo co rural tradúcese no apoio que recibe, por exemplo, o sector forestal mariñán. “A nosa comarca é unha potencia galega e, como tal, é a máis beneficiada polos apoios da Xunta ao sector”, segundo manifestan os populares, que se dirixen á compra de maquinaria, á limpeza de fincas forestais ou, incluso, á posta en marcha de distintas iniciativas relacionadas co aproveitamento madeireiro.