Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz ofrece colaboración ao goberno local e solicita a convocatoria da xunta de portavoces para analizar a xestión do coronavirus

 Foz, 11 de marzo de 2020. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Foz, Javier Castiñeira, ante a confirmación do primeiro caso de coronavirus no municipio ofrece ao goberno local a súa “máxima colaboración”. Nese sentido, o popular considera oportuna a convocatoria da xunta de portavoces para “analizar a situación” e abordar de forma conxunta os procedementos de colaboración co resto das administracións -tanto a consellería de Sanidade da Xunta de Galicia coma o Ministerio de Sanidade- que determinan os protocolos e actuacións a seguir nesta materia.
O voceiro do PP no municipio cre, así mesmo, que “o Concello debe poñer ao servizos dos veciños e veciñas a información sobre os protocolos de actuación recomendados polas administracións correspondentes para que sexan efectivos e, ao mesmo tempo, facerlles chegar unha mensaxe de tranquilidade”. Nesa liña, Castiñeira sinala que a Xunta de Galicia ten habilitada unha liña de teléfono para ofrecer información sobre o coronavirus chamando ao 900 400 116 ou, coma de forma habitual, os números de teléfono de emerxencias sanitarias.
Apraza a comida de maiores Castiñeira considera preciso aprazar a comida de maiores organizada polo goberno local e prevista para o vindeiro sábado 21 de marzo. O voceiro dos populares no municipio recorda que “nesta cita participan habitualmente unhas 400 persoas” e, polo tanto, defende que “esta debería ser unha das primeiras medidas que adoptase o Concello en materia de prevención co obxectivo de evitar riscos” porque son, precisamente, os maiores o colectivo máis vulnerable”.

Exit mobile version