Castiñeira di que iniciar a tramitación do citado plan cando tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia acaban establecer medidas severas para tratar de frear o contaxio do coronavirus resulta totalmente inapropiado, inoportuno e que incluso pode xerar riscos. Destaca así que a propia Deputación, pero fundamentalmente os concellos, poden ver reducida a súa dispoñibilidade de persoal e, por tanto, á súa capacidade de traballo; a tramitación do Plan Único supón para todos eles a maior carga burocrática en todo o ano. Puntualiza que iso é así incluso aínda que os concellos xa teñan preparados os proxectos que queren financiar con cargo a este plan. Por iso é preciso, explica, flexibilizar as condicións dos trámites nos concellos.
O portavoz popular di que o plan xa sae con retraso en relación a outros anos. Pero xa que, sexa polo que sexa, é así e coincide coa máis grave crise a que se enfrontou o país en moitos anos, é preciso flexibilizar as condicións para os concellos. Por crelo así, Castiñeira anuncia que o seu grupo intentará tanto en comisión como en pleno que se introduzan os cambios oportunos para modificar as condicións nas que os concellos terán que preparar toda a documentación necesaria.
Castiñeira di que o retraso do goberno provincial en sacar o Plan Único provoca agora «présas que crearán problemas aos concellos se non tomamos medidas», porque chega de modo «inoportuno», por falta de control dos tempos e total inadecuación á delicada conxuntura pola que atravesa o país.