Burela, a 11 de marzo de 2020. Os populares de Burela destacan o importante investimento da Xunta no municipio e, hoxe en particular, os 120.000 euros que o Goberno galego destina á redacción do proxecto para a mellora da estación depuradora de augas residuais da localidade (EDAR).
“O goberno galego está a cumprir a palabra dada aos bureleses. Lonxe de paralizarse a obra, está avanzando segundo os prazos previstos”, tal e como matiza a vicevoceira do Grupo Municipal Popular de Burela, Yovana Oroza, que recorda que o prazo de presentación de ofertas das empresas interesadas en executar este proxecto remata o 13 de abril.
A este respecto, dende o PP burelés lamentan que “o PSOE cuestione as importantes actuacións da Xunta no municipio, todo iso a pesar de que é a autonómica a administración que maior compromiso inversor ten con Burela, con gran diferenza sobre a provincial ou estatal, en mans dos socialistas.”
O goberno socialista de Burela ten a casa sen varrer
Para os populares resulta curioso que o PSOE poña deberes a outras administracións cando é incapaz de realizar unha xestión eficiente desde o goberno local. Dito doutro xeito: “o goberno socialista de Burela ten a casa sen varrer”.
Así por exemplo, explica Oroza que “volveron a aparecer goteiras dentro da casa consistorial, tal e como puidemos comprobar a pasada semana” o que demostra que o Concello “fai augas, literalmente”.
Na mesma liña, critican os populares a falta de solución a outros problemas da xestión do día a día da administración local. Oroza sinala, por exemplo, que “a central telefónica do Concello está habitualmente sen atender, tal e como denuncian os veciños que chaman ao concello unha e outra vez desesperados buscando contestación”.
E, por outra banda, denuncia a vicevoceira que “os semáforos máis céntricos de Burela, os situados na intersección formada pola avenida Arcadio Pardiñas e as rúas do Correo e da Igrexa, estiveron un día da pasada semana apagados e, agora, levan xa varios en precaución”.
Todos estes son, para Oroza, “malos agoiros para un goberno socialista que, polo menos en Burela, parece que nunca deixa de estar en funcións”.
Axilización das obras na rúa Rosalía de Castro
Finalmente, e facéndose eco tamén das queixas que reciben, os populares de Burela convidan ao rexedor e ao equipo de goberno a “axilizar o máximo posible as obras de humanización da rúa Rosalía de Castro” ante o malestar dos comerciantes afectados que “cifran en preto do 50% as súas perdas”.