Site icon Crónica3.com A Mariña

O novo propietario das casas 13 e 15 da rúa Bispo Sarmiento de Mondoñedo inicia o proceso para a rehabilitación dos edificios

 Mondoñedo, a 5 de marzo de 2020. O estado do parque inmobiliario é, sen dúbida, o mellor termómetro do estado de saúde das cidades, sexa cal sexa o seu tamaño. Nas vilas con moita historia, como é o caso de Mondoñedo, unha das batallas máis difíciles neste terreo é a de conseguir a rehabilitación, cando é posible, dos inmobles que se atopan en mal estado. É unha tarefa na que teñen que coincidir a vontade dos propietarios e a xestión pública. Un destes casos son os edificios número 13 e 15 da rúa Bispo Sarmiento de Mondoñedo.

Na mañá de hoxe técnicos de turismo visitaron Mondoñedo para asesorar ao novo propietario dos citados edificios da rúa Bispo Sarmiento. O goberno municipal de Mondoñedo destaca que a posta en marcha desta iniciativa é positiva desde distintos puntos de vista. Un deles, porque os inmobles en mal estado, como é o caso destes, son un perigo potencial para a seguridade das persoas. É importante igualmente porque os edificios moi deteriorados afean a paisaxe urbana e non axudan para nada, antes ao contrario, a potenciar a imaxe da cidade.

É tamén é moi importante porque é unha demostración máis de que investir en Mondoñedo é interesante. Porque é así, o Concello de Mondoñedo difunde os atractivos de todo tipo no documento informativo Mondoñedo “un municipio para invertir”. Neste informe sobre as condicións deste concello indícase que é o máis grande da Mariña lucense, con importantes recursos naturais e un destacadísimo patrimonio histórico e natural.

Exit mobile version