A Mariña, 3 de marzo de 2020. A Federación de Comercio de A Mariña (FCAM) organiza unha xornada informativa destinada a empresas e emprendedores. Esta actividade terá lugar o 5 de marzo no Cenima de Foz a partir das 12 do mediodía. A entrada é libre.
Baixo o título de Emprende, os conferenciantes facilitarán información sobre subvencións e axudas a empresas e emprendedores desde distintos organismos públicos e asociacións colaboradoras, entre outros asuntos. O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, subliña que “o obxectivo desta xornada é animar a emprender e que a xente se anime aos traspasos de negocios. Tamén se falará do mercado do aluguer e das axudas e subvencións ás que poden optar os emprendedores”.
Na xornada intervirán: José Carlos Paleo, presidente da FCAM; Antonio Dorrego, economista de 3A Consultores; Pilar Fernández, xefa territorial de Economía, Emprego e Industria; María Loureiro, deputada provincial e alcaldesa de Viveiro; Mar López, xerente do Galp A Mariña Ortegal; Elena Martínez, do GDR Terras de Miranda; e José Luis Feijoo, delegado de Afigal en Lugo.
O alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, será o encargado de clausurar o evento. Como invitados xa confirmaron a súa asistencia o mariñán e ata hai uns días delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; a concelleira de Comercio en Viveiro, Marisol Rey; o vicepresidente do Galp A Mariña Ortegal, Alfredo Llano; e o presidente do GDR Terras de Miranda, Vidal Martínez, entre outros. Tamén acudirán representantes de entidades financieiras da comarca, das Acias mariñás e dos medios de comunicación. A Cope, por exemplo, realizará desde o Cenima un programa en directo de 12:50 a 14:00 horas.