Site icon Crónica3.com A Mariña

O GDR Terras de Miranda realiza a actividade “Unha viaxe no tempo polo Camiño do Norte”, en Mondoñedo

 Mondoñedo, 07 de marzo de 2020. O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda celebrou o venres día 6 de marzo de 2020 ás 18:30h, a primeira xornada do segundo bloque de actividades que se desenvolverán no marco do proxecto “Impulso e promoción de experiencias á beira do Camiño de Santiago no territorio comprendido polo GDR Terras de Miranda”, dentro do programa O Teu Xacobeo.

Esta actividade focalizada no Camiño do Norte tivo lugar en Mondoñedo, onde a Concelleira de Facenda e Benestar do Concello e Vicepresidenta do GDR Terras de Miranda, Dna. María Ángeles Rodríguez Rico, deu a benvida aos participantes e deu por inaugurada a xornada. A continuación, levouse a cabo unha visita guiada polo casco histórico do municipio da man de D. Abel Vigo García, Arqueólogo do Concello, que realizou unha explicación dos exteriores da Catedral de Mondoñedo, o Seminario de Santa Catalina, o Centro de Interpretación da Imprenta de Mondoñedo e o trazado da antiga muralla entre outros. Ao rematar a visita, os asistentes dirixíronse ao Pazo de San Tomé onde se atopa a sede do GDR Terras de Miranda, para desfrutar da conferencia de D. Manuel Valín Valdés, socio fundador da Asociación de Amigos do Camiño Norte da Provincia de Lugo e da Asociación Cultural Casa das Letras de Ribadeo, titulada “O Camiño do Norte, tres décadas de percorrido”.

O vindeiro 13 de marzo O GDR Terras de Miranda continuará coa segunda actividade “Unha Viaxe no Tempo polo Camiño do Norte”. A xornada comezará ás 18:45h cunha visita guiada ao Centro de Interpretación do Camiño do Norte e o Albergue de Peregrinos de Mondoñedo, seguido dunha conferencia a cargo de D. Laureano V. García Díez, Presidente de la Agrupación de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago del Norte. A actividade rematará cunha degustación no Complexo Montero.

Todas as actividades levadas a cabo neste proxecto son totalmente gratuítas e teñen prazas limitadas. Para mais información, pode contactarse con terrasdemiranda.turismo@gmail.com ou no 673 472 735.

Vindeiras actividades:
Andaina polo Camiño do Norte
Cultura entre as mans – Artesanía de Terras de Miranda (27 de marzo 2020)

Exit mobile version