Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro fará inspeccións nas vivendas do casco histórico para comprobar o seu estado tras os temporais dos últimos meses

 Viveiro, 3 de marzo de 2020. O Concello de Viveiro fará estes días inspeccións nas vivendas do casco histórico para comprobar o seu estado tras os últimos temporais e, de ser necesario, adoptar medidas urxentes.
En concreto, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, fixo pública unha providencia na que dispón “que os vixiantes urbanísticos do Concello realicen unha inspección ás vivendas do casco histórico co fin de comprobar o seu estado tras os temporais dos últimos meses, co fin de determinar a súa situación actual e valorar a necesidade de adoptar medidas con carácter urxente”.
A alcadesa tomou esta decisión xa que dentro do casco histórico hai un gran número de vivendas para as que se ten incoado expediente de orde de execución e tendo en conta, ademais, que os temporais acontecidos nos últimos meses puideron afectar ao estado destes inmobles.
Trátase polo tanto dunha medida preventiva por parte do concello, consciente de que as condicións meteorolóxicas foron moi adversas e co obxectivo de evitar problemas maiores.
O concello agradece a colaboración dos veciños e residentes no casco histórico, que deben comunicar calquera deficiencia que vexan nos edificios da zona.

Exit mobile version