Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo concederá bonos para a compra de alimentos perecedoiros e produtos de hixiene básicos a aquelas familias que se atopen neste momento de confinamento en situación de vulnerabilidade social

 Ribadeo, 25 de marzo de 2020. O Concello concederá bonos para a compra de alimentos perecedoiros e produtos de hixiene básicos para as persoas ou familias que se atopen neste momento de confinamento en situación de vulnerabilidade social. Así o anunciou esta mañá o alcalde, Fernando Suárez. Eses vales serán canxeables nos supermercados da vila que están se están adherindo a esta campaña. O rexedor subliña que deste xeito se amplía o ámbito de cobertura dos Servizos Sociais de Ribadeo, que xa de xeito habitual veñen distribuíndo alimentos entre as familias máis vulnerables do concello.

Suárez Barcia explicou que “con ánimo de facilitarlle a vida á xente, sobre todo nestes momentos complicados, desde o ámbito dos Servizos Sociais estamos ampliando moitísimo a capacidade que ten o Concello para axudar, non soamente a aqueles colectivos ou persoas vulnerables que os Servizos Sociais xa tíñamos coñecemento deles, senón tamén a aquelas outras persoas ou familias que de súpeto se poidan ver nesta situación. De aí que a entrega de alimentos que facemos habitualmente queremos ampliala a un sistema para garantir unha dieta equilibrada, sobre todo con produtos frescos perecedoiros: de carnicería, de peixaría, de froita e de verdura, acompañado tamén de produtos de hixiene básica”.

O alcalde fai unha chamada a todas aquelas persoas que se atopan nesta situación “para que chamen ao teléfono dos Servizos Sociais do Concello ou a este teléfono único, que levamos días traballando con el, que é o 982.120.739. Se o están pasando mal que non dubiden en chamar a calquera hora do día e nosoutros de maneira inmediata farémoslles chegar un bono asinado polo Concello, que poderán entregar nos supermercados da vila que se están sumando a esta iniciativa (xa son varios e nas próximas horas chegaranos a contestación doutros máis) para que lles canxeen ese bono polos produtos que están establecidos nunha lista. Non se pode canxear por produtos que non sexan imprescindibles”.

O rexedor contou que “daremos bonos cunha periodicidade quincenal se é para unha ou dúas persoas, por un importe de 50 euros. E se as familias son de tres ou máis persoas darémolo con carácter semanal. Polo tanto alguén que se atope nunha situación complexa pode chamar a este teléfono, será atendido con total discreción e entregaráselle o bono para que o poida canxear nos supermercados que se sumen a esta campaña. O Concello de Ribadeo pagaralles aos supermercados os importes destes bonos para alimentos”.

O alcalde ribadense engadiu que “isto engádese a todos os alimentos que o Concello de Ribadeo de maneira habitual segue e seguirá dispensando a aquelas familias que se encontran nunha situación de vulnerabilidade”.

Exit mobile version