Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz pon en marcha un servizo extraordinario de axuda a persoas que o necesiten como consecuencia das limitacións de desprazamentos polo Covid-19

 Foz, 16 de marzo de 2020. O Concello de Foz pon en marcha un servizo extraordinario de axuda a persoas que o necesiten como consecuencia das limitacións de desprazamentos polo estado de alarma orixinado pola propagación do virus Covid-19.
O alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, explican que “no Concello de Foz estamos preocupados polo benestar das nosas veciñas e veciños. Estamos ante unha situación da que non hai precedentes, con limitacións nos desprazamentos de persoas para evitar a propagación dunha enfermidade que está a provocar unha crise sanitaria. Cremos no benestar social e na previsión de futuros problemas, polo que debemos valorar a posibilidade de que a restrición nos desprazamentos se alongue no tempo. Son momentos complexos, duros, pero queremos transmitir unha mensaxe de tranquilidade e ánimo desde a administración local, a máis achegada. Estamos orgullosos de cómo a cidadanía de Foz está a acatar as medidas do Real Decreto e a limitar os seus movementos polo ben común, pola saúde de todos”.
Fran Cajoto e Ana Rojo engaden: “somos sabedores de que poden existir situacións complicadas, de persoas con mobilidade reducida ou dificultades para desprazarse a tarefas básicas e imprescindibles como son a provisión de alimentos ou medicamentos. É por iso que desde os Servizos Sociais do Concello de Foz cremos imprescindible nestes momentos aumentar o servizo de atención aos nosos veciños. Así, dispoñeremos de liñas abertas de luns a domingo, os 7 días da semana, en horario ininterrompido de 9 a 21 horas. Aquel que precise dunha atención que non sexa médica terá o apoio do Concello para o asistir. O fundamento é que as persoas con dificultades (maiores, dependentes e illados que non dispoñan de apoio familiar e social) poidan ter a axuda da Administración e sexamos nós os que nos despracemos por eles. Tarefas cotiás como ir ao supermercado ou á farmacia poderán ser realizados por persoal de apoio do Concello”.
Os teléfonos aos que se deberán dirixir son os seguintes:
De luns a venres de 9.00 a 21.00 horas: 982.133.566
Sábados e domingos de 9.00 a 21.00 horas: 982.550.940
“Esperamos que este servizo axude a quen realmente o poida necesitar e que se use de xeito responsable por todas e todos”, rematan o alcalde e a edil de Servizos Sociais.

Exit mobile version