Site icon Crónica3.com A Mariña

XI Ruta de Enduro Medela MTB este domingo 8 de marzo

Cervo, 3 de marzo de 2020. A XI edición da Ruta de Enduro Medela MTB celebrase o domingo 8 de marzo.
A cita deportiva foi presentada polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil delegado de Deportes, David Rodríguez, e os membros do Club Medela, Abel Ordás e Víctor Riera.
A proba, de dificultade media-alta, será de 28 quilómetros, e 1.400 metros de desnivel acumulado e permitirá desfrutar de 5 tramos perfectamente acondicionados polos membros do Club “que levan meses traballando no trazado para que ese día os amantes das dúas rodas poidan gozar dunha competición de primeiro nivel no Concello de Cervo”.
Villares e Rodríguez quixeron agradecerlles unha vez máis aos integrantes da asociación o seu traballo “porque eles son os responsables do éxito desta competición á que dedican moitas horas do seu tempo logrando facer do noso municipio un marco excepcional para a práctica deste deporte”. Esta proba á que cada ano asisten máis de 200 corredores –engadiron- “é unha excelente oportunidade tamén para dar a coñecer a riqueza paisaxística e o patrimonio natural que temos en Cervo”.
A saída está prevista para as 9:30 horas na Piscina de Lieiro. Os dorsais pódense recoller o sábado, 7 de marzo, no restaurante O Noso Lar, en horario de 19:30 a 21:00 horas; e o mesmo día da proba, entre as 8:00 e as 9:15 horas, na piscina municipal. As persoas interesadas poden inscribirse ata o mércores, 4 de marzo, a través da web www.championchipnorte.com e recoller información na páxina de facebook Club Medela Mtb.
Ao remate da proba haberá unha comida para tódolos participantes.

Exit mobile version