Toñi Eijo lembra que “esta iniciativa naceu en Sidney no 2007 como un xesto simbólico para chamar a atención sobre o problema do cambio climático. Un sinxelo xesto que consiste en apagar as luces de fogares, negocios, edificios e monumentos durante unha hora”.
A edil burelesa explicou que “este ano, debido ás circunstancias excepcionais que estamos a vivir, propóñennos a todos os cidadáns participar no acto Apaga la luz. Todo irá bien, que consiste en apagar a luz e saír ao balcón ou fiestra o 28 de marzo ás 20:30 horas e enviar a seguinte mensaxe colaborativa de esperanza Apaga la luz. Todo saldrá bien en morse utilizando a lanterna do móbil”.
Toñi Eijo sinalou que “podes facelo descargando a aplicación linterna morse no teu móbil. Queren encher os balcóns e fiestras dos pobos e cidades de milleiros de destellos para recordar que alí onde esteamos, este ano dende a casa (#QUÉDATENACASA), todas as persoas seguimos conectadas e concienciadas da necesidade de coidar a casa de todos: a Terra”.
A concelleira de Medio Ambiente engadiu que “de paso queremos aproveitar esta ocasión para seguir coa mensaxe máis importante destes momentos, quédate na casa, quédadevos na casa, non saiades se non é necesario, entre todos o conseguiremos, moito ánimo para os nosos veciños e veciñas”.