A edil de Servizos Sociais explicou que “colocamos carteis informativos en supermercados, tendas de alimentación e farmacias do pobo e subímolo ás nosas redes sociais ademais de compartilo en numerosos grupos de WhatsApp para darlle a maior difusión posible. A idea é que cada veciño o poda imprimir, solicitando o mesmo a través do noso mail burela@burela.org ou a través das redes sociais e así o pegue no portal da súa comunidade de veciños ou no seu entorno dentro do pobo para que chegue ao maior número de veciños e poder garantir a protección dos nosos maiores e das persoas máis vulnerables. Temos que intentar evitar que saian mercar á rúa”.
O teléfono que habilita o Concello para este fin é o 982 58 13 13.
Carmela López indicou que “a este teléfono responderá o responsable de Protección Civil, que estará operativo de 8 da mañá a 22 horas da noite, e á súa vez será derivado a min, como concelleira de Servizos Sociais, que decidirei dependendo da casuística de cada situación individual como actuar. Para isto, hai un dispositivo preparado formado polo equipo SAF (Servizo de Axuda no Fogar) que seguen mantendo o servizo nos domicilios onde aos usuarios se lles realiza atención persoal ao non teren coidadores principais que se poidan facer cargo desta atención (aseo persoal, levantarse, mercar medicinas e comida, administrar a medicación, facer comida…) non sendo así para os domicilios que soamente recibían atención doméstica (limpeza do domicilio). Esta medida tomouse para minimizar o risco do contaxio e falando previamente con cada familia”.
A concelleira burelesa engadiu que “tamén formará parte do dispositivo Protección Civil e colaborarán o Centro de Día de Menores San Aníbal e Cáritas Parroquial, os cales se puxeron á nosa enteira disposición. Tamén estamos en contacto directo coa Cruz Vermella”.
Carmela López dixo que “ao publicar esta medida foron moitos os voluntarios que xa nos escribiron para ofrecerse a ir á compra dos máis vulnerables. De facer falta, teríamos que montar unha rede de colaboración social tomando medidas estritas que xa temos procedimentadas para non propagar os contaxios, pero polo momento imos facelo a través do noso persoal do Concello, para implicar ao mínimo número de persoas posible e telas controladas para minimizar sempre o risco de contaxio. Queremos dende o Concello aproveitar a ocasión para dar as grazas, aos restaurantes que se puxeron en contacto con nós para doar os seus alimentos perecedoiros, ás perruquerías que doaron material como guantes e mascarillas, aos chinos por doar tamén todo o material útil que tiñan na súa tenda… grazas de verdade”.
Para a edil de Servizos Sociais “sen dúbida, imos aprender moitísimo desta situación. E estou convencida de que xuntos podemos saír disto. Por favor, quedádevos todos na casa, minimizade o risco e axudemos así aos nosos sanitarios do noso tan querido hospital.. para evitar un colapso e nos poidan atender da mellor maneira. Moitísimo ánimo e moita forza. Burela pode!”.