O rexedor explicou: “con respecto ás familias que poden ter necesidades urxentes, emerxencias ou de pago dalgunha cuestión á que non poden facer fronte, desde o Concello vamos utilizar para iso o superávit, que seguro que imos ter cando se faga a liquidación do orzamento do ano pasado aínda que non sabemos exactamente a contía porque iso ten que dicilo a Intervención. Pero esa cantidade vaise destinar íntegra a políticas sociais, que poden ser en axudas económicas, á dependencia, no fogar, … Todo o que sexa necesario. Ademais vaise aprobar pasado mañá no pleno da Deputación o Plan Único deste ano e parte da contía que corresponde a Burela tamén imos destinala a políticas sociais”.
Llano adiantou que “tamén miraremos, a medida que vaia avanzando esta situación, como podemos aplicar o aprazamento do cobro dalgunhas taxas e impostos, da maneira que sexa posible. Teremos que ir vendo como se fará, pero a nosa idea é levar a cabo iso: tratar de fraccionar o máximo posible o pago dos impostos municipais que haxa que facer. Ademais algúns, como por exemplo os das terrazas dos establecementos hostaleiros, non se van cobrar loxicamente porque agora mesmo non se están usando. Evidentemente iso imos telo ten conta”.
O alcalde indicou que “dentro das posibilidades que ten o Concello trataremos de aplicar isto na maior medida para axudar ao máximo de xente, desde logo tendo en conta as necesidades máis urxentes que poden darse”.
Servizos en funcionamento
Alfredo Llano contou que “derivado do Real Decreto que se asinou esta fin de semana nosoutros tratamos de adaptarnos, porque evidentemente entendemos que aquí non hai outra solución máis que tratar de illar o máximo posible a expansión do virus, polo tanto todas as medidas que hai e todo o que se está levando adiante é derivado desta emerxencia que temos que parar como sexa”.
O alcalde sinalou que “no Concello de Burela, como penso que en todos os Concellos, tratamos de adaptarnos a esta nova normativa a través do Real Decreto e polo tanto imos manter os seguintes servizos: a Policía Local, Protección Civil, a recollida de lixo, a limpeza viaria e a axuda a domicilio. Agora mesmo estivemos repartindo alimentación á xente necesitada, a xente que xa está controlada nas súas necesidades específicas, estamos repartindo da mellor maneira posible de forma que non teñan que desprazarse senón que llo levamos á casa. Temos tamén a nosa rede de abastecemento, o alumeado público, a limpeza de edificios e dependencias municipais, e seguimos ademais coa desinfección de todas as rúas e beirarrúas de Burela tratando de abarcar o máximo posible. Temos os servizos sociais, evidentemente temos que estar permanentemente, é un dos departamentos do Concello que máis se está implicando porque calquera problema que haxa tratamos de atallalo o antes posible”.
Llano seguiu a relatar que “temos tamén activo o servizo de informática que nos parece interesante porque non se pode quedar un descolgado dos mecanismos da información. Estiven falando co encargado máis co secretario da conveniencia de facer un pleno telematicamente ou outro tipo de reunións como poden ser comisións informativas ou a xunta de goberno local. Imos ver qué medios se van utilizar este día 2 de abril no pleno da Deputación, que o van facer telematicamente, e imos mirar qué medios necesitamos nós para organizar os plenos ou calquera outra actividade do Concello de xeito telemático. Por esa razón é moi importante que os servizos de informática estean por aquí”.
E engadiu: “tamén está o servizo de mantemento da atención de urxencias en viais e espazos públicos. Nosoutros temos un retén de Obras e Servizos porque pode haber unha emerxencia en calquera momento. É un retén que está localizado para actuar en caso de necesidade. Está ademais a Secretaría, Intervención e Tesourería que o fan telematicamente desde as súas casas, e o Rexistro Xeral que temos en Burela que está funcionando polas mañás, aquí si que temos que saber se entra algunha cuestión que sexa importante para o Concello e polo tanto se revisa todos os días. E tamén está o cemiterio municipal. Co resto da xente facemos como se indica desde o Real Decreto, por exemplo na Biblioteca ou na Escola de Formación, onde non se necesite unha permanencia constante de traballadores do Concello, esa xente quedarase na casa e en canto se recupere esta situación, que esperemos que sexa o antes posible, recuperarán as horas que agora mesmo non están traballando, como está previsto no Real Decreto, e trataremos de recuperalas ata o 31 de decembro deste ano”.