Coas medidas publicadas no último BOE, aínda que necesarias, poden darse situacións onde moitas familias non teñan ingresos para facer fronte a pagos imprescindibles como o alugueiro da vivenda, a electricidade, o gas, as medicinas etc. No Colexio Martínez Otero sempre soubemos sentir os problemas dos demais como se fosen nosos.
Deste xeito, desde o profesorado do Colexio, decidiuse crear un “FONDO SOLIDARIO”, onde os docentes farán achegas de carácter económico para axudar a aquelas familias das que se teña constancia que se atopen nalgunha das situacións descritas anteriormente. O encargado de recepcionar as achegas económicas será Cáritas Parroquial de Foz.
Ademais, no día de onte, a fundación do Colexio realizou unha doazón de alimentos ao Banco de Alimentos de Foz que contiña 250 iogures, pezas de 3kg de diferentes friames e froita.
Sempre dixemos que cómpre educar en valores e, agora máis que nunca, é momento de amosalo. O mellor valor para as familias é a nosa solidariedade.