Site icon Crónica3.com A Mariña

O Club de atlestismo Ría de Foz organiza para este domingo a carreira “Quilómetros solidarios”

 Foz, 31 de marzo, 2020. Coa iniciativa “QUILÓMETROS SOLIDARIOS” o Club de Atletismo ‘Ría de Foz’ pretende estimular a práctica deportiva e, a súa vez, axudar a todas aquelas persoas que o precisen nestes duros momentos. A pandemia global do COVID-19, ademais de pór en risco a nosa saúde, ameaza con forza a economía de moitas familias, provocando que un dereito tan básico e necesario como a alimentación se vexa comprometido.
Deste xeito, desde o ‘Ría de Foz’ queremos amosar, máis unha vez, que o deporte ten que ser unha ferramenta fundamental na transmisión de valores. Neste caso, témolo claro: a solidariedade. Desta saímos todos xuntos e xuntas e non queremos que ninguén quede polo camiño.
> EN QUE CONSISTE ESTA INICIATIVA?
A iniciativa “QUILÓMETROS SOLIDARIOS” é unha carreira individual, que se desenvolverá o domingo 5 de abril desde as 8h da mañá e ata as 20h do serán. Por cada quilómetro realizado entre esas horas o noso Club doará 1kg de alimentos (Exemplo: se unha persoa é quen de amosar que, entre esas horas do día 5 de abril, realizou unha actividade deportiva, por exemplo, de 5K nós doaremos 5kg de comida ao Banco de Alimentos de Foz cos fondos propios do Club).
> NORMAS E RECOMENDACIÓNS MÍNIMAS:
1) Como xa se comentou, a actividade física debe realizarse o domingo 5 de abril entre as 8h da mañá e as 20h do serán. Ten que ser demostrable. Deste xeito: enviarase unha captura de pantalla da actividade realizada, con algún elemento que inclúa a data, para así poder verificalo á seguinte dirección de correo electrónico: atletismoriadefoz@gmail.com
2) A actividade física de cada persoa non pode superar os 5K.
3) A proba pódese realizar correndo (nun xardín se se dispón del, nunha cinta de correr, dentro da casa etc.) ou nunha bicicleta estática.
4) Animamos, a que quen se sume a esta iniciativa, elabore un dorsal que poña “QUILÓMETROS SOLIDARIOS”.
5) Facédenos chegar fotografías e videos de como realizades a vosa actividade física para que nós as compartamos nas nosas redes sociais ao longo desa xornada. Tamén é interesante que o subades ás vosas redes sociais citadando ao noso Club para que así a proba se faga máis viral (retade, por exemplo, a tres amigos/as). Durante todo o domingo 5 usaremos o cancelo #kmssolidarios. Fai uso del! Lembra as nosas redes sociais: Facebook: @atletismoriadefoz // Instagram: @atletismo_ria_de_foz

Exit mobile version