Pontón, que convidou a aprender das experiencias eficaces doutros países como China ou Corea, salientou que nada pode estar por riba da saúde pública. “Non é admisible que a pesar da gravidade extrema da situación se prime o centralismo sobre a eficiencia sanitaria, non é admisible que se primen intereses económicos sobre a saúde e a seguridade das persoas e non é admisible que non se rectifique o que non funciona, nin se use a crise para intereses partidistas”, salientou.
En base a esa experiencia e “co ánimo de aportar”, o BNG propón unha ampla batería de medidas sintetizadas en seis liñas de actuación: pechar aqueles lugares que son foco do virus para evitar que sigan actuando como difusores da pandemia, parar toda a actividade económica non imprescindible, realización de test masivos, reparto masivo de equipos de protección, plan de choque nas residencias de maiores e preparación das infraestruturas complementares que sexan precisas.
“É certo que se reduciu a mobilidade, pero non está garantido o 100% e urxe facelo para minimizar o risco de propagación”, explicou Pontón. As probas masivas tamén demostraron a súa eficacia no caso de Corea e no ámbito económico o BNG insiste en parar todo o que non sexa esencial. “O presidente do Estado facía onte mesmo unha afirmación que é certa: quedar na casa salva vidas. Sen embargo, hoxe miles de persoas teñen que ir a traballar en servizos non esencias”, alegou sinalando a contradición. “O tempo de medidas a medio gas, se existiu, xa pasou e os intereses económicos de empresas non poden estar por diante da saúde das persoas”, afondou.
A favor de ampliar o estado de alarma
En relación ao problema de abastecemento de material sanitario por parte do Estado, o BNG volve denunciar que a centralización da competencia de sanidade estase demostrando ineficaz, polo que vai pedir no Congreso que Galiza recupere todas as competencias nesta materia, “e para esperamos contar co apoio dos deputados e deputadas do PPdeG”, indicou. O Bloque vai trasladar esta proposta aproveitando o pleno convocado para aprobar a ampliación do estado de alarma, medida que a formación nacionalista comparte.
Pontón tamén fixo fincapé en sumar esforzos para conseguir o material necesario. “Se hai un problema de abastecemento desde o Estado a resposta non pode quedarse en mera denuncia, hai que preguntarse que podemos facer desde aquí como goberno, sumar esforzos entre administracións. Se hai empresas privadas capaces de comprar material ninguén entendería que un goberno non teña esa capacidade. Insisto, sumar entre administracións para conseguir por todos os medios o material necesario para que o persoal sanitario, o persoal de servizos sociais teña poida loitar contra o virus coa máxima seguridade”, explicou.
Ter en conta o envellecemento
En relación á situación das residencias de maiores, o BNG propón un plan de choque que pasa por realizar o test do coronavirus ao 100% das persoas residentes e dos e das traballadoras, así como a intervención pública das residencias privadas, tendo en conta que arredor de 17.000 son privadas ou concertadas fronte as 4.000 públicas. “E desde logo, hai que esixir ao Goberno do Estado que no reparto de fondos extraordinarios se teña en conta o elevado envellecemento da poboación en Galiza”, demandou.
Pontón rematou a comparecencia reiterando o agradecemento a todas as persoas que están en primeira liña, mesmo arriscando a súa seguridade, en beneficio da maioría social. Volveu trasladar a solidariedade do BNG coas familias que perderon algún ser querido e tamén mandou palabras de alento para a cidadanía daqueles territorios especialmente afectados pola pandemia, -Madrid, A Rioxa ou Victoria-Gasteiz-, e para os galegos e as galegas que están fora do país.
Igualmente, volveu trasladar ao Goberno galego “todo o apoio do BNG en todas aquelas medidas que podan axudar a combater o virus e a saír da crise. É momento de sumar, de colaborar, de aportar e nesas está o BNG”, concluíu.