O PP prioriza o gasto discrecional e en salarios do grupo de goberno sobre actuacións concretas en beneficio da poboación.
Co único argumento de “o noso é mellor” o PP rexeitou a proposta do BNG para destinar 336.000 euros do orzamento municipal de gastos para 2020 a melloras nos parques infantís de San Cibrao e Cervo(50.000€). Medidas de seguridade, aparcamento, e paneis informativos no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos(100.000€). Obras de rehabilitación e mellora para permitir o uso do Centro Social da Urbanización Río Covo(100.000€). Estudo e redacción dun proxecto para crear un aparcamento público nas inmediacións do Centro de Saúde, Pavillón Deportivo e Centro de Día – Residencia en San Cibrao(20.000€). Mellora das redes de internet e telefonía móbil nas parroquias rurais con cobertura moi deficiente(31.000€). Incremento do fondo de continxencia e acción social para o persoal municipal(35.000€).
As prioridades do goberno do PP non están en mellorar a calidade de vida da xente senón en mellorar a súa propia e no uso partidista dos recursos públicos.
Para os concelleiros nacionalistas, Diego Fernández e Xorxe Caldeiro, “a negativa do PP a aceptar ningunha das propostas de modificación orzamentaria cun argumento tan básico como o noso é mellor, aumenta a nosa preocupación sobre o uso dos recursos públicos de xeito partidista, clientelar, e en beneficio propio do equipo de goberno que encabeza o alcalde Alfonso Villares”. “O alcalde debería explicar porque prioriza o incremento do custe do grupo de goberno nun 25% con respecto a 2019, ou os gastos opacos e en propaganda, e non quere mellorar os parques infantís, reparar e por en uso as instalacións socio-deportivas de Río Covo, dar estabilidade, seguridade, e mellorar o atractivo do Conxunto Histórico de Sargadelos, ou ofrecer telefonía móbil e internet de calidade ao conxunto da poboación do concello que goberna”, afirmou Diego Fernández.
Os concelleiros nacionalistas denunciaron que “o custe do grupo de goberno incrementouse nun 25% en relación ao ano 2019, e nun 60% con respecto a 2015, cun gasto anual que superará os 170.000 euros, triplicando o custe medio dos gobernos municipais do entorno, e cuadriplicando o custe por habitante”.
O orzamento de gasto para 2020 entre partidas opacas e gastos en protocolo e propaganda supera os 434.000 euros, unha cantidade que o goberno usará de xeito discrecional, sen planificación previa nin control. “Unha cantidade desorbitada e opaca que cun goberno serio e honesto tería un destino transparente e de acordo cunha planificación previa que neste caso non vemos por ningún lado”, afirmou Diego Fernández.