Cervo, 12 de marzo de 2020. Este mércores os votos do PP tombaron sen ningún tipo de negociación a reclamación – emenda presentada polo Grupo Municipal do BNG aos orzamentos 2020 aprobados cos votos do PP o pasado 30 de xaneiro. A formación nacionalista pretendía cambiar de destino un total de 336.000 euros que figuran no Orzamento de Gasto baixo as denominacións de “outros gastos diversos”, “outros traballos realizados por outras empresas”, “publicidade e propaganda”, ou remuneracións do grupo de goberno. A proposta do BNG incluía reducións nestas partidas nun 50 e 75 por cento para dedicar a bolsa resultante a actuacións concretas en San Cibrao, Cervo, Urbanización Río Covo, Sargadelos, e zonas rurais do concello que o PP non quixo aceptar.
O PP prioriza o gasto discrecional e en salarios do grupo de goberno sobre actuacións concretas en beneficio da poboación.
Co único argumento de “o noso é mellor” o PP rexeitou a proposta do BNG para destinar 336.000 euros do orzamento municipal de gastos para 2020 a melloras nos parques infantís de San Cibrao e Cervo(50.000€). Medidas de seguridade, aparcamento, e paneis informativos no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos(100.000€). Obras de rehabilitación e mellora para permitir o uso do Centro Social da Urbanización Río Covo(100.000€). Estudo e redacción dun proxecto para crear un aparcamento público nas inmediacións do Centro de Saúde, Pavillón Deportivo e Centro de Día – Residencia en San Cibrao(20.000€). Mellora das redes de internet e telefonía móbil nas parroquias rurais con cobertura moi deficiente(31.000€). Incremento do fondo de continxencia e acción social para o persoal municipal(35.000€).
As prioridades do goberno do PP non están en mellorar a calidade de vida da xente senón en mellorar a súa propia e no uso partidista dos recursos públicos.
Para os concelleiros nacionalistas, Diego Fernández e Xorxe Caldeiro, “a negativa do PP a aceptar ningunha das propostas de modificación orzamentaria cun argumento tan básico como o noso é mellor, aumenta a nosa preocupación sobre o uso dos recursos públicos de xeito partidista, clientelar, e en beneficio propio do equipo de goberno que encabeza o alcalde Alfonso Villares”. “O alcalde debería explicar porque prioriza o incremento do custe do grupo de goberno nun 25% con respecto a 2019, ou os gastos opacos e en propaganda, e non quere mellorar os parques infantís, reparar e por en uso as instalacións socio-deportivas de Río Covo, dar estabilidade, seguridade, e mellorar o atractivo do Conxunto Histórico de Sargadelos, ou ofrecer telefonía móbil e internet de calidade ao conxunto da poboación do concello que goberna”, afirmou Diego Fernández.
Os concelleiros nacionalistas denunciaron que “o custe do grupo de goberno incrementouse nun 25% en relación ao ano 2019, e nun 60% con respecto a 2015, cun gasto anual que superará os 170.000 euros, triplicando o custe medio dos gobernos municipais do entorno, e cuadriplicando o custe por habitante”.
O orzamento de gasto para 2020 entre partidas opacas e gastos en protocolo e propaganda supera os 434.000 euros, unha cantidade que o goberno usará de xeito discrecional, sen planificación previa nin control. “Unha cantidade desorbitada e opaca que cun goberno serio e honesto tería un destino transparente e de acordo cunha planificación previa que neste caso non vemos por ningún lado”, afirmou Diego Fernández.