As arcas municipais dos concellos, con independencia das súas cores políticas, estanse vendo favorecidas coa aplicación desta política fiscal meramente recaudatoria, como é o caso do Concello de Viveiro, onde a súa veciñanza está sendo, algunha xa foi, requirida para a unha actualización catastral (coñecida popularmente como o catastrazo) dos seus bens onde, moitos dos cales (palleiras, galpóns, cabanas de leña, establos, alpendre, invernadeiros…) estaban exentos até o de agora de tributar, pero que con esta actualización catastral conlevará ao pagamento dunha taxa de 60€ por cada alta no Catastro, e ademais implicará un aumento exponencial do valor catastral do inmoble revisado e, polo tanto, incrementará tamén a base impoñíbel do IBI. Revisión que tamén pode ter repercusión indirecta noutros impostos (IRPF, plusvalía municipal, sucesións) e mesmo incluso en subvencións públicas como as becas escolares dado que teñen módulos patrimoniais referenciados no catastro como límites obxectivos para accederen á ditas axudas.
As consecuencias da regularización catastral que está a levar a cabo o órgano dependente do Ministerio español de Facenda (Dirección Xeral do Catastro) no termo municipal de Viveiro non só vai obrigar a tributar a partir de agora polos bens e instalacións de natureza agrícola que polo de agora estaban exentas, senón que @s afectad@s, que van ver elevado o valor catastral das súas vivendas e inmóbeis, en especial no rural, non só terán que pagar tres veces máis polo IBI anual, senón que o concello pode reclamaralles o pago da contribución deses inmóbeis, até o de agora exentos, con carácter retroactivo, catro anos para atrás, supoñendo isto unha forte merma na economía de moitas familias e moit@s pensionistas afectad@s.
O malestar que se nos trasladou por parte da veciñanza afectada non só está motivado polas “notificacións anómalas”, deixadas nos buzóns e por debaixo das portas de vivendas e cabanas, obviando o máis mínimo cauce legal que establece a Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Admóns Públicas, senón que tamén e fundamentalmente pola total falta de información municipal ao respecto da obriga de dar de alta os inmóbeis de natureza agrogandeira, que entenden debería ser posto en coñecemento de toda a veciñanza, no seu día, polo goberno municipal para evitarlles agora ter que pagar un recibo coa liquidación destes bens pola suma total de catro anos para atrás.
A veciñanza afectada, critica tamén a ausencia dun servizo municipal específico de asesoramento catastral posto a disposición da veciñanza, de luns a venres, e durante todo o período de vixencia do proceso de regularización catastral. Cónstanos que a labor de información á veciñanza afectada é realizada con grande profesionalidade, como así nos fixeron saber @s afectad@s, por un único funcionario que está adscrito ao servizo do catastro municipal en horario de 9 a 14 e só durante tres días da semana, unha cousa absolutamente incomprensíbel, por outra banda, dado que xa no 2018 demandábamos desde o BNG a mellora e ampliación, entre outros, deste servizo municipal básico para a veciñanza.
É máis que evidente de que estamos perante un procedemento do Ministerio de Facenda absolutamente abusivo e inxusto, que se dirixe preferentemente sobre persoas con menor nivel de renda e que o sufren especialmente a veciñanza de concellos con menor dinamismo económico coma é o caso de Viveiro, e sobre todo que afecta a veciñas e veciños que teñen ou tiveron propiedades destinadas á actividade agrogandeira e a pensionistas.
Á vista dos efectos nocivos do catastrazo é verdade que moitos dos concellos onde se realizaron estas revisións catastrais foron receptivos a estabelecer reducións no tipo de gravamen (de até o 60%) e ou bonificacións (de até o 95%) da cota íntegra do IBI a favor de inmóbeis no que se desenvolven actividades económicas no eido agrogandeiro, comercial e de servizos, e que sexan declaradas de especial interese e utilidade municipal. Incluso hai concellos que modificaron a ordenanza municipal do IBI para, entre outros, aplicar unha bonificación de entre o 30 e 50% a pensionistas da agraria co obxecto de evitarlles que teñan que pagar o 100% do recibo por inmóbeis de natureza agraria en desuso.
Ante estes feitos expostos e dado que a lei prevé, cando se aproba unha revisión catastral colectiva e de carácter xeral, mecanismos de atenuación da suba do IBI, desde o BNG queremos que se nos dea resposta ás seguintes preguntas no vindeiro pleno:
1.O goberno municipal ten pensado adoptar medidas específicas para contrarrestrar o impacto do catastrazo que atenuen a subida brusca do IBI, tras a Revisión Catastral, e polo tanto os efectos nocivos que poda traer sobre os bens e as economías dxs viveirensxs?
2.Se é así. Cales son esas medidas que van a pór en marcha?
3.E se non é así. Comprométese o goberno municipal a traballar nunha comisión técnica para que os recibos do IBI dxs viveirensxs non sufran unha suba exponencial de golpe tras a revisión catastral e para o cal, se estude na mesma diferentes alternativas para a aplicación de bonificacións e ou gravámenes reducidos durante os anos que permite a Lei Reguladora de Facendas Locais?