No acto estiveron presentes representantes do sector pesqueiro, forestal, agrario, turístico, empresas de construción civil, comerciantes e persoas autónomas, representantes sindicais e empresariais . Durante as dúas horas que durou o encontro, puxéronse enriba da mesa vellas demandas que o BNG levara no seu día xa ao Congreso, e que os sucesivos gobernos do estado foron deixando no caixón e no esquecemento, a maioría referidas a infraestruturas que as nacionalistas entenden “fundamentais para o desenvolvemento e o futuro da comarca”.
Infraestruturas pendentes
Diante da complexa situación que está a vivir a comarca, especialmente no último decenio 2010-2020, no que a pantasma real do desemprego percorreu e percorre A Mariña dunha punta a outra con Eres, reducións de plantilla e peches ou semipeches de moitas fábricas e empresas emblemáticas non só na comarca senón en todo o país, o BNG entende que tanto o Estado co a Xunta teñen que cumprir os múltiples acordos tomados en moitas institucións, case sempre por unanimidade, pero que á hora da verdade fican no esquecemento.
Neste sentido referíronse á sempre prometida autovía A-74 Barreiros-San Cibrao, ao corredor San Cibrao-Ferrol, á creación dun porto comercial no dique norte de Morás, á reclamación de ter Autoridade Portuaria propia, á modernización e aproveitamento de Feve, e á mellora das estradas N-634 e N-642 que seguen en pésimas condicións.
Pesca
Tratáronse tamén temas de suma importancia para a comarca como o da pesca, un sector puxante e un dos principais xeradores de emprego. Aquí o BNG considera necesario ter voces galegas e que pensen en clave de país, alí donde se toman decisión que afectan moito o sector, como vén facendo o BNG diante da Xunta, e agora tamén no Congreso e no Parlamento Europeo.
Enerxía
Non se pasou por alto o tema da situación da factoría de Alcoa en San Cibrao, donde o BNG ten e tivo sempre unha posición clara ao respecto, no que ten a ver coa enerxía, pois non é entendible que no país produtor e excedentario de enerxía teñan problemas as empresas polo custo da mesma.
Todos coincidiron e concluíron en que “a comarca de A Mariña ten a día de hoxe un déficit histórico en materia de infraestruturas que obedece a un deseño das mesmas feito obviando as necesidades económicas e sociais da comarca e eso debe reverterse coa máxima urxencia”