Mondoñedo, 02 de marzo do 2020. No pleno extraordinario celebrado esta mesma mañá na que se tomou coñecemento da renuncia ao cargo de alcaldesa de Dª María Elena Candia López, o voceiro do BNG no concello de Mondoñedo Eloi Cabanas, ademais de desexarlle sorte no terreo persoal na nova etapa política que vai emprender no Parlamento Galego, manifestou que a decisión de renunciar ao cargo de alcaldesa de Mondoñedo traizoaba o resultado saído das urnas fai menos dun ano ao deixar como alcalde a outro concelleiro que non se presentaba como candidato á alcaldía nas eleccións municipais do pasado mes de maio.
Segundo Eloi Cabanas en concellos de poucos habitantes como é o de Mondoñedo as persoas que se presentan como cabezas de lista nas diferentes candidaturas son moi importantes á hora de que a veciñanza se decante por un ou outro partido, “o mandato das veciñas e veciños de Mondoñedo foi claro para os vindeiros catro anos e neste caso non se respectou”.
O BNG xa aseguraba na campaña das eleccións municipais do pasado ano que a intención de Elena Candia era a de alcanzar cotas de poder máis elevadas fora do concello de Mondoñedo en clara referencia á aspiración que lle supoñían de ser presidenta da Deputación. “Non só se confirmaron as nosas sospeitas se non que por riba aínda nos quedamos cortos”.