Ribadeo, 16 de marzo de 2020. O alcalde, Fernando Suárez, insiste hoxe en que non haberá mercado semanal os mércores nin mercadiños os sábados ata que a situación se normalice. Permanecerá aberta a praza de abastos para que a xente poida mercar os produtos de alimentación que precise.
O rexedor dixo que “de acordo coa resolución dada o día 12 deste mes, pola que suspendíamos as autorizacións da vía pública, en tanto se manteña o estado de alarma, quedan polo tanto suspendidos os mercadiños dos mércores e dos sábados. Con todo as instalacións da praza de abastos seguirán abertas para manter o abastecemento á poboación, aínda que respectando as medidas de seguridade e hixiene que toda a cidadanía debe comprometerse a manter”.
Fernando Suárez engadiu que “entendemos que estas medidas, que son máis ou menos as que están tomando outros Concellos, servirán para que entre todos poidamos loitar, e non me cabe a menor dúbida que a inmensa maioría da xente nestas horas de luns está actuando con corrección e esperemos que poidamos saír deste túnel canto antes. Mentres iso non sexa así temos que actuar todos seguindo as recomendacións e as instrucións das autoridades sanitarias ou as autoridades gobernamentais competentes, ben sexan do Estado, da Xunta ou do Concello”.
A Concellaría de Medio Ambiente informa que queda suspendida a recollida de cartón porta a porta, a recollida de enseres e tamén a atención ao público no punto limpo ata novo aviso.
Resolución da Alcaldía
A pasada noite o rexedor decretaba servizos básicos para o funcionamento do Concello ao longo do estado de alarma no que nos atopamos. Na resolución da alcaldía advírtese que a atención á veciñanza só se prestará de xeito telefónico e telemático. A atención presencial queda reservada unicamente para as urxencias. Os teléfonos que estarán operativos no Concello serán o 982 120 701 e o 982 128 650, no caso dos Servizos Sociais estes serán atendidos no 982 120 808 e a Policía Local no 689 55 00 55. Hai tamén unha dirección de correo electrónico para que as veciñas e os veciños se poidan comunicar co Concello. É a seguinte: ribadeo@ribadeo.org
A resolución declara como servizos públicos municipais esenciais con carácter inicial e susceptibles de ampliación ou modificación posterior en virtude da evolución da situación: rexistro xeral, padrón de habitantes, Policía Local, Servizos Sociais, brigada municipal de vías e obras, recollida de lixo e limpeza viaria, electricidade e iluminación pública, rexistro telemático de facturas e pagamento a provedores, entre outros.
Este decreto, que foi asinado onte por Fernando Suárez, entrega en vigor hoxe, 16 de marzo.