“Desde o Concello de Foz queremos expresar a nosa preocupación polo caso positivo de COVID-19 dun traballador da Residencia de Maiores de Foz. É o momento de remar todos xuntos e de traballar para superar a crise sanitaria o antes posible”, indica Fran Cajoto, quen pide á Consellería de Sanidade e á de Asuntos Sociais “unha comunicación fluída cos Concellos, así como acelerar as probas e as diagnoses a traballadores e residentes para evitar novos contaxios”.
O rexedor municipal focense engade que “en base aos posibles positivos as residencias deben modificar os seus protocolos segundo as indicacións que traslada a Xunta. Polo tanto as celebracións do primeiro aniversario haberá tempo para facelas, agora estamos pensando unicamente na saúde dos nosos maiores. A tutela que anunciou a Xunta esperamos que sexa efectiva e se faciliten os EPIs necesarios para evitar novos contaxios”.