Site icon Crónica3.com A Mariña

“No medio doutra crise”, por Antonio Gregorio Montes

O Covid 19 colleunos en medio doutra crise. Cabería mellor dicir doutras, pero imos simplificar, podemos escoller crise, centrándonos nunha soa. Así pois, no medio doutra crise.
Collo a crise climática, pode que a que se vai percibindo como máis acuciante no tempo, a máis vívida, aumentando pouco a pouco. Cólloa tamén porque remata de chegar á miña vista un artigo, “Estas son as 76 solucións climáticas que necesitamos escalar xa para ter unha oportunidade” que concreta algunhas cousas que ou facemos ou viviremos menos (teremos máis mortandade) e mentres, peor (aínda que algunha xente vai notalo menos e alguén se vai aproveitar un tempo). Basicamente, o artigo pode resumirse nestes puntos:
1.A humanidade ten a tecnoloxía para lograr parar o cambio climático, para estabilizar o clima.
2.O custe do cambio para a sociedade en conxunto sempre será menor, aínda a medio prazo, que a inactividade.
3.Calquera cambio efectivo pasa polo apoio e a concienciación da humanidade como conxunto.
Os tres envolven ao menos unha mala e unha boa noticias. A mala, que a humanidade ten que actuar, implicarse como sociedade. E a boa, tamén que a humanidade ten que actuar, implicarse como sociedade. É boa e mala ó tempo. Boa, porque implica que dependemos de nós, de todos, e só de nós. E mala porque sabemos como estamos a responder noutras ocasións -vexamos algunhas respostas individuais crise do Covid 19- e as dificultades que entrana iso.
No medio da crise do coronavirus, atopamos xente que quere escapar, sinxelamente como tomándose unhas vacacións. Xente insolidaria, que fai como se a cousa non fora con ela por algún motivo. Xente á que non lle importa infectar a outros, porque ó fin, ela está ‘en bó estado’. Á beira, xente que se sacrifica polos demais despois de estar puteada. Xente que …
Cada persoa é un mundo, dise, e non só porque o número de células de cada un de nós sexa máis grande que o número de persoas na Terra, senón sobre todo porque as posibilidades de actuacion ante un feito calquera tamén teñen unha variedade inmensa. E polo que parece, ás veces aprendemos máis rápido algunha cousa concreta que a empatía social. Pode que en parte sexa tamén porque -ás veces- practicamos máis esas ‘cousas concretas’, sexa conducir ou sumar, que a empatía social, que por outra parte é máis necesaria aínda nun estado no que as institucións debéranse encargar de moitas cousas.
O que nos leva a outra crise solapada: a crise que consiste en vivir. Vivir é un desequilibrio contínuo: nacer, medrar e morrer. Desequilibrio que por unha beira, se transmite á sociedade en conxunto, e por outra, tentamos amañar cada quen do mellor xeito, de reequilibrar, para facer a vida máis duradeira e mellor.
Sempre se vive en crise, e sempre debemos tentar mellorar a situación. Agora tamén. E cada vez máis, entre todos.

Exit mobile version