Site icon Crónica3.com A Mariña

Miguel Indurain, Óscar Pereiro ou Carlos Sastre participarán no Ancares Cycling Marathon o vindeiro 26 de xullo

Lugo, 3 de marzo de 2020.- Miguel Indurain, Carlos Sastre, Óscar Pereiro, Álvaro Pino e David Blanco participarán no Ancares Cycling Marathon, que se celebrará o vindeiro 26 de xullo co apoio da área de Deportes.

O elenco de ex ciclistas que arrouparán a estrea da proba, un gran fondo en alta montaña, deuse a coñecer esta mañá durante un acto de presentación que se celebrou no auditorio do Vello Cárcere de Lugo, coa presenza do deputado Efrén Castro, o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, Jose Luis Raposo, e a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, xunto aos organizadores do evento, o Club Ciclista Cidade de Lugo e o ex ciclista Ezequiel Mosquera.

O percorrido da proba pasará polos concellos de Pedrafita do Cebreiro, punto de saída e meta, As Nogais, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna. Os partipantes completarán un total de 126 quilómetros cun desnivel acumulado de 3.500 metros, integrados nos 80 quilómetros finais do trazado cos portos de Alto de Sete Carballos, A Pintinidoira e Vilasol como os puntos máis elevados. Ademais, establecerase un percorrido alternativo, de “dificultade media”, de 100 quilómetros.

A carreira concluirá no centro do Cebreiro, un lugar icónico que embelezará a estampa final da proba, chamada a consolidarse como unha proba de referencia no ciclismo de alta montaña.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, destacou a “talla deportiva do evento, que reunirá a tres gañadores do Tour de Francia” e mostrouse confiado en que “este reclamo sumado á experiencia de percorrer as paisaxes dos Ancares contribuirá a facer desta primeira edición da proba un éxito de participación e un inmellorable escaparate para a comarca”.

Nesa liña, o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, Jose Luis Raposo, ratificou a súa disposición a “ofrecer aos participantes a mellor experiencia para que volvan aos Ancares”.

Exit mobile version