A primeira das actividades será unha nova reunión da Mesa Local de Coordinación contra a violencia de xénero, a cal aglutina diversos organismos presentes no concello (CIM, servizos sociais, centros educativos, centro de saúde, garda civil, policía local, colexio de avogados…) e que resultan útiles para loitar contra a violencia de xénero, visibilizando o problema e facilitando a actuación coordinada.
Xa entre os actos abertos ao público son de especial importancia os que se realizarán o propio día 8 de marzo (domingo). Ás 12:30, na Biblioteca Municipal, presentarase o novo panel da exposición permanente “A Historia de Mondoñedo leva nome de muller”, que busca destacar as figuras femininas mindonienses que representan o pasado, presente e futuro do noso Concello. A continuación, lerase unha declaración institucional e entregaranse os premios do concurso “Debuxando en Igualdade 2020”. Esta ano as mulleres homenaxeadas son Alicia Tella-Villamarín Ferreiro, Montserrat Fernández Prieto, Isabel Pernas Martínez e as compoñentes do “Proxecto Rebinxe”, María Bouso Posada, Xiana Rego Fernández, Ana Rubal Sánchez, Lidia Barreira González e Belén Ramos Campos. Este ano os actos realizaranse na Biblioteca como acto de homenaxe á bibliotecaria Alicia Tella-Villamarín, falecida o ano pasado, quen deu un gran pulo a aquela como gran profesional e mellor persoa que foi. Alicia Tella-Villamarín participou de xeito activo na vida cultural do Concello, deixando unha fonda pegada nos nenos e nenas que pasaron pola biblioteca mentres foi a súa encargada, motivo polo que a entrega de premios do concurso se realizará neste lugar e os traballos premiados serán depositados nela.
O mesmo día, ás 14:30 horas terá lugar a COMIDA DA IGUALDADE, un encontro festivo aberto a todas as persoas interesadas no que compartiremos un animado almorzo, tras o que se realizará a charla-obradoiro “A Voz da Igualdade” impartida por Fundación Amigos de Galicia e a continuación teremos unha sesión de música e baile. A esta comida poderán asistir tanto mulleres como homes, xa que a igualdade é un reto a alcanzar polo conxunto da sociedade. Será no Restaurante Padornelo de Mondoñedo e as tarxetas xa están á venda nas oficinas do CIM e de Servizos Sociais ao prezo de 25 euros por persoa.
O sábado 21 de marzo, ás 18 horas, terá lugar no Auditorio a proxección da curtametraxe “As tres caídas de María Santiso”, unha produción de Melgo Cinema, na que se conta a historia dunha muller do rural con fortes conviccións, as cales acaban caendo tras recibir unha visita especial. A entrada é gratuíta e a actividade está dirixida a todos os públicos a partir de 12 anos.
O sábado 28 de marzo, ás 18 horas, na Casa da Xuventude recibimos a Caxoto Cativo coa súa obra “Micromachista, eu?”, na que nos fará pensar sobre esas actitudes cotiás que temos asumidas como normais e encerran un forte compoñente de desigualdade. A entrada é gratuíta e a actividade está dirixida a todos os públicos a partir de 12 anos.
Estas actividades (excepto o referente á comida-baile) están financiadas cos fondos procedentes do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.